Agradecementos da CORAL DE RUADA

Como xa saben vostedes, foille concedida á Coral De Ruada a Medalla Castelao. Para tódolos que formamos parte da mesma constitúe un recoñecemento moi importante a unha traxectoria de case 95 anos.
Dende o orgullo de pertencer a esta senlleira institución e coa ledicia que nos embarga neste momento, quero ter, en nome de tódolos ruadistas, unha lembranza especial para os nosos fundadores: Virxilio Fernández González, Xabier Prado Rodríguez 'Lameiro', Fabriciano Iglesias Abella, Cesáreo Eire Santalla e Xulio Prieto Nespereira.

Tamén merecen ser recordados con respecto e gratitude os presidentes que me precederon, dende José Sabucedo Morales até Manuel Rego Nieto, pasando por Olegario Muñiz García, Xabier Prado Rodríguez 'Lameiro', Antonio García Novoa 'Perniñas', Luís Pérez Colemán, Manuel Varela Fernández, José Ramón Muñiz Guerra, José Fernández Borrajo, José Ramón Calvo Cid, Francisco Domínguez Martínez e Francisco Ogando Vázquez.

Quero tamén lembrar a tódolos directores, cos que De Ruada acadou o prestixio e o bo facer que agora se nos recoñece con este premio, dende Daniel González Rodríguez até o actual, Xoán Antón Vázquez Casas, pasando por Isolino Canal Freire, Antonio Jaunsarás Sanmiguel, os irmáns Manuel e Álvaro de Dios Martínez, Bruno Fuentes Blanco, Javier Luis Jurado Luque, José María Santos González Álvarez e Juan José Rumbao Requejo.

Por suposto, fondo agradecemento a tantos e tantas coralistas que dedicaron parte das súas vidas a que De Ruada vaia camiño de cumprir 95 anos de vida. A todos eles, sen ningunha excepción, moitas grazas.

Naturalmente, queremos agradecer o apoio que nos prestaron as institucións ourensás -Deputación, Teatro Principal, Concello, Caixa Ourense (¡qué gran perda para os ourensáns!)...- e galegas -Presidencia, Consellería de Cultura, Consellería de Educación...- porque foi decisivo para a supervivencia da coral, sobre todo nalgúns intres especialmente difíciles.

Grazas tamén aos medios de comunicación -prensa escrita, radio, televisión, multimedia, etc.- por axudarnos a espallar as nosas inquedanzas, os nosos proxectos e as nosas actividades.

De Ruada paseou e segue a pasear o nome de Ourense -e mesmo de Galicia- por toda España, por Europa e por América, facendo ourensanismo (ou, como agora se di, ourensanía) por tódolos lugares onde actuou. Por iso, neste fermoso momento, se tivésemos que dedicar esta Medalla Castelao a alguén, aparte dos xa mencionados, sería a tódolos ourensáns e ourensás, os que viven en Ourense e os emigrantes, e, dun xeito moi especial, aos nosos Amigos (si, con maiúscula) que nos seguen dende hai moitos anos contra vento e marea e que nos apoian economicamente nestes difíciles tempos que estamos todos a pasar.

Por iso, parabéns a todos, xa que é un recoñecemento a Ourense, e moitas grazas por sernos fieis.

Te puede interesar
Más en Cartas al director