Escolares, as súas familias e veciños participaron neste proxecto do Equipo de Normalización

Celanova e Bande recuperan máis de 100 topónimos locais

Un grupo de alumnos na visita á exposición dos traballos sobre a microtoponima no Poleiro. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
A planta superior do Claustro do Poleiro, no Instituto Celanova Celso Emilio Ferreiro, acolleu onte pola mañá un acto de confraternización do alumnado de diversos centros de Terras de Celanova e Baixa Limia.
O obxectivo, a presentación dos traballos que durante as últimas semanas os cativos realizaron nos colexios e institutos sobre a microtoponimia de diferentes lugares e do patrimonio de ambas comarcas. A actividade, coordinada polo equipo de normalización lingüística Terra de Celanova-Baixa Limia, permitiu que os escolares de ambas comarcas, axudados polos seus familiares e veciños, recuperasen varios centos de nomes de pobos e lugares.

Os cativos, a través das historias dos seus avós e dos maiores das aldeas, catalogarons as lendas da Escusaia de Lobios, o penedo dos tres irmáns de Verea ou a Casa da Neve no monte de Celanova. Tamén nomes graciosos como 'Gustomeau' o 'Vilameá' en Lobios ou sonoros como O Bosendo, Fondevila ou o Camiño Branco, en Lobeira.

En Cartelle, a alumna Ana Martínez descubría que 'a gran maioría dos nomes do concello proveñen das árbores e frutos' á vez que señalaba no mapa os pobos de Sabucedo, Pereda, A Teixugueira o Lamas de Outeiro. A celanovesa Paula Pérez engadía A Carballeira, a fonte do Currente ou Os Cortizos, pola abundancia de carballos, auga e colmeas de abellas, respectivamente.


POEMAS, MÚSICA E LENDAS

O traballo permitiu a moitos cativos coñecer a orixe dos nomes dos seus pobos, como lle ocurriu a Iván Arias: 'A mín gustóume o do meu pobo, Parbón, non sabía que lle debía o nome a un nobre de Celanova que se instalou alí'.

Ademáis da labor de investigación sobre a procedencia dos nomes, os alumnos ilustraron o traballo con fotografías, mapas e, nalgún caso, recolleron tamén poemas, lendas e cancións inspiradas neses lugares. 'Sería interesante colaborar para que, dalgún xeito, estes nomes quedasen plasmados nun proxecto conxunto, porque os xóvenes descoñecemos a gran maioría dos microtopónimos', animaba Jennifer González, alumna encargada de editar o audiovisual 'Pequenos nomes, grandes mundos' elaborado no instituto banduense.

Neste senso, o IES Celanova Celso Emilio Ferreiro xa está a elaborar na súa páxina web un mapa cos nomes e fotografías dos distintos lugares.


ENCONTRO EN LOBIOS

O corredor de entrada á biblioteca celanovesa acolleu o acto central, onde cada un dos colexios e institutos presentaron os diferentes audiovisuais, paneis e traballos escritos. A exposición, que durante toda esta semana se poderá visitar no Claustro do Poleiro, ten un carácter itinerante e ata o mes de xuño viaxará polos diferentes centros participantes. Asemade, a colección formará parte das actividades do 'III Encontro da Coordinadora Comarcal ENDL Terra de Celanova - Baixa Limia' que, a derradeira semana de maio, se desenvolverá no CEIP do Xurés de Lobios.

Te puede interesar