Luz Casal: "Sigo siendo una niña alucinada y soy mujer de aldea"

photo_camera Acto de entrega do premio a Luz Casal. (Fotos y vídeo: Xesús Fariñas).

Celanova homenaxeou a Celso Emilio Ferreiro e acolleu a 38ª edición do premio “Casa dos Poetas”

O Claustro Barroco do Mosteiro de San Salvador de Celanova foi testemuña da entrega do premio “XXXVIII Celanova, Casa dos Poetas” á cantante Luz Casal. Pero antes, unha emotiva homenaxe a Celso Emilio Ferreiro abriu o evento cunha ofrenda floral con motivo do 43 cabo de ano do autor de “Longa noite de pedra”. 

Antonio Puga, alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez, deu a benvida aos presentes. O grupo musical Dejà Blues recitou a Celso Emilio e, deseguido, Isabel Ingelmo, padroeira da Fundación Curros Enríquez, e Sandra Quintas, concelleira de Celanova, depositaron un ramo de flores diante do monumento. E o Grupo de Gaitas de Celanova  acompañou aos presentes ata o Claustro Barroco.

Entrega do premio

Alí, coa intervención musical de Dejà Blues deu comezo “Celanova, Casa dos Poetas”, conducido polo poeta José María Paz Gago, quen deu paso a Puga, en calidade de presidente da Fundación, para enxalzar a riqueza cultural de Celanova e aplaudir a traxectoria de Luz Casal. Como recollen as bases, “Celanova, Casa dos Poetas” trata de recoñecer cada ano “a unha persoa ou entidade que ó longo da súa existencia se ten significado por desenvolver un intenso labor a prol da cultura galega, en tódalas súas facetas, ou da propia Galicia”, apuntou Gago, quen deu paso á lectura da acta do premio por parte de Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros. 

“Por ser artífice dunha longa traxectoria musical que a ten convertido nunha das voces femininas da música española de maior prestixio internacional, ademais de destacar o seu compromiso coa dinamización social no “Festival da Luz”, no seu pobo natal de Boimorto”, sinalou Piñeiro. “Por todo iso, o Padroado séntese recoñecido nos valores transmitidos por Luz Casal ó longo de toda a súa traxectoria musical e humana, e hónrase de que pase a formar parte do prestixioso cadro de patróns de honra da Fundación Curros Enríquez”, engadiu.

E tras as agarimosas palabras de Piñeiro, Luz Casal foi premiada cunha medalla conmemorativa, creación do escultor ourensán Acisclo Manzano, e cun diploma obra do pintor e poeta celanovés Baldo Ramos. “Los valores de la poesía de Curros Enríquez siguen vigentes, por eso es importante mantener viva su memoria. Como deudora de la realidad poética, es un honor recibir este reconocimiento que lleva el nombre del ilustre paisano de Celanova”, dixo orgullosa a cantante galega, quen declarou que segue sendo “una niña alucinada y me reconozco como una mujer de aldea, acompañada de poesía”.

E para aqueles que quixeron coñecer máis de Luz Casal e os seus méritos o longo da súa vida profesional e persoal, a Fundación contou co xornalista Jaime Noguerol, quen “coñece a Luz Casal dende que comezaba a dar os seus primeiros pasos musicais en Madrid”, anotaron. Así foi, “recuerdo aquel día de 1982 cuando Luz entró por la Radio Madrid, al programa donde estaba yo, “El Buho”, con Paco Pérez. Aquella noche ellos juntaron sus ojos y hasta hoy siguen juntos, y ahí comenzó también la trayectoria de Luz, una mujer que es meiga, sabia, espiritual, humilde y cercana”. Noguerol tiene claro que “Luz merecía el premio, es muy gallega y tiene en mente grabar algo de Curros Enríquez”.

Intervencións

O deputado Pablo Pérez, máis aló de destacar a traxectoria profesional da “galega universal”, considera que “é unha absoluta referencia pola súa profundidade vital e o seu compromiso coas súas raíces, con fitos como a organización do Festival da Luz”. 

Para rematar, Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, clausurou o acto, en calidade de Patrón de Honra -o Parlamento foi premiado neste certame-. “Persoas como ela serviron para asentar o que é a nosa forma de ser e que Galicia tivera unha forma de ser propia, que o final se traduciu no que é o propio autogoberno. Ela contribuíu a recuperar a nosa autoestima, dixo que Galicia deixou de chorar, e é certo”, destacou.

Foi coa interpretación de tres cancións do grupo Dejà Blues e co Himno Galego a cargo da Banda de Gaitas de Celanova como se pechou o “XXXVIII Celanova, Casa dos Poetas”, un acto “envolto sempre de unha emoción especial”.

Te puede interesar