María Fernández: “Queremos que Celanova recupere o esplendor que tivo na música tradicional”

Entrevista

María Fernández Iglesias, presidenta do grupo Lembranza Solpor

Entrevista a María Fernández Iglesias, presidenta del grupo Lembranza Solpor

O grupo Lembranza Solpor de Celanova entregaba fai uns días un cheque de 1.020 euros a Asociación Española contra o Cancro de Ourense coa recadación do concerto solidario celebrado en xaneiro. A súa presidenta, María Fernández, fala dos proxectos presentes e futuros do colectivo de baile e música tradicional.

Cando entrou en Solpor?

Eu empecei no grupo Solpor con 3 aniños. Fixen aquí toda a traxectoria. Primeiro de baile, logo música e despois empecei de profesora de baile infantil e pandeireta. Fai tres anos, o anterior presidente deu un paso atrás e tocou renovar.

Como foi o cambio?

Un traballo moi grande, ademáis tocóunos a pandemia, que foi moi difícil porque tivemos isto parado. O ano pasado empezamos case de cero, con moi poucos alumnos, pero foi crecendo e agora somos 80 entre música e baile. A xente respondeu moi ben, de toda a comarca, e logo temos a sorte de contar cuns ‘profes’ moi implicados.

Duplicastes a matrícula?

Estamos crecendo e despois do festival solidario, máis. Abrimos un pequeno prazo de matricula porque había xente co ‘gusanillo’ de volver, e volveron. Unha das ideas que temos é facer unha escola máis grande, con máis horarios, devolverlle a Celanova o esplendor que tivo en cuestión de bandas de gaitas e de baile.

Que plans tendes?

A curto prazo imos participar no campionato de bandas de gaitas que se celebrará en marzo en Xinzo, será a primeira vez que participemos. Tamén queremos organizar un festival en Celanova ao cal invitaremos os amigos de Calcia (Aveiro), máis os grupos da vila. E no verán, estamos a organizar dúas viaxes para motivar á xente, que contamos que sexan fóra da península como se facían antes, pero de momento non podemos máis. Eu viaxei por toda Europa con Solpor e o recordo que teño é marabilloso. Iamos en autobús a Dinamarca, Suiza, Alemania… Foi enriquecedor e gratificante.

Estamos nunha vila musical, que tal coas outras bandas?

A verdade é que moi ben. Somos todos compañeiros e cada vez que temos festival, invitamos a todas, e nós tamén participamos. Incluso temos músicos que tocan en varias agrupacións. Rivalidade sa? Non o chamaría nin rivalidade.

Contenido patrocinado

stats