RECONOCIMIENTO

O escultor Xosé Cid gaña o premio Casa dos Poetas

O xurado alude a que a obra de de Xosé Cid ten evolucionado "dun xeito pausado, reflexionado e a lume lento, como é el, dende aquelas primeiras obras nacidas de mans aprendices de artesán".

O padroado da Fundación Curros Enríquez acordou concederlle o Premio Celanova, Casa dos Poetas ó escultor Xosé Cid "pola súa longa traxectoria como intérprete das formas e dos feitos da Galicia tradicional máis auténtica a través da súa obra escultórica, herdeira do legado intemporal dos vellos artesáns da pedra e da madeira, pero sendo quen de detraer daquelas formas os volumes innecesarios para transformalas en auténticas obras de arte". Así o recolle a acta do galardón, que tamén salienta que Cid é un creador case autodidacta "formado a carón do impulso cultural da factoría intelectual dos Artistiñas de Vicente Risco, nos anos sesenta", que o conectan directamente coa Xeración Nós.

O xurado alude a que a obra de de Xosé Cid ten evolucionado "dun xeito pausado, reflexionado e a lume lento, como é el, dende aquelas primeiras obras nacidas de mans aprendices de artesán". O Padroado di sentirse moi satisfeito porque Xosé Cid pase a formar parte "do prestixioso cadro de patróns de honra da Fundación Curros Enríquez". O próximo día 6 de setembro será entregado o premio na Casa dos Poetas de Celanova, nunha xornada que tamén servirá para lembrar novamente a Celso Emilio Ferreiro con motivo do 41 cabodano da súa morte. No transcurso deste acto, o presidente da Fundación faralle entrega da medalla de prata conmemorativa do galardón, obra do escultor ourensán Acisclo Manzano. 

Te puede interesar