La Región

CELANOVA

Que boas están estas filloas

A residencia Nosa Señora do Mundil de Cartelle celebrou  a cuarta edición da Festa da Filloa, unha actividade enmarcada dentro do proxecto Experiencia Activa impulsado pola Fundación San Rosendo.

Celsa Alonso -a dereita-, en plena elaboración das súas afamadas filloas (XESÚS FARIÑAS).
Celsa Alonso -a dereita-, en plena elaboración das súas afamadas filloas (XESÚS FARIÑAS).
Que boas están estas filloas

Auga, fariña, ovos e leite. Son os catro ingredientes que compoñen a receita que hai anos lle legou a bisavoa de Celsa Alonso. Nela, quedaron as instruccións para deixar macerar ben a mestura coa auga e botarlle moita paciencia e cariño para conseguir a excelencia no sabor. Coa receita, deixoulle tamén en herdanza unha filloeira tradicional de ferro que a bisneta conserva aínda hoxe con todo o agarimo. Hai agora catro anos, a traballadora da Residencia Nosa Señora do Mundil de Outomuro (Cartelle) propúxolle á súa directora, Vicenta Freire, a posibilidade de celebrar para os usuarios unha xornada festiva en torno a este tradicional doce galego. Así naceu a Festa da Filloa, que este luns celebrou a súa cuarta edición para disfrute de maiores e personal laboral do centro. 

Agora, os usuarios son os primeiros que agardan ansiosos a chegada deste día. "Xa empezan a preguntar polas filloas uns días antes e, incluso os que saen polas tardes, hoxe quedan para esta festa", explica Vicenta Freire. É certo. Minutos antes de que as filloas estivesen no seu punto, agardaban impacientes pola súa merenda. Para animar a espera, as Pandereteiras do Forrollo acudiron, "como sempre que temos algo", para amenizar esta cuarta edición da celebración. 


Experiencia activa


Entre pandeiretas, cantos e risas, o arrecendo da masa mentres se convertía en filloa, foi transcorrendo a celebración. Todos, incluso os que presentan maiores problemas de mobilidade, saborearon e disfrutaron este postre tan típico da gastronomía galega. Outros, probábano por vez primeira a pesar de ser oriundos da zona. "Están riquísimas", repetían. Con eles estivo tamén o alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, que puido probar de primeira man esta receita familiar de Celsa Alonso que consegue un sabor máis suave e lixeiro. 

A Festa da Filloa enmárcase dentro do proxecto Experiencia Activa, desenvolvido pola Fundación San Rosendo, á que pertence a residencia Nosa Señora do Mundil de Cartelle. A iniciativa ten como obxectivo a promoción do envellecemento activo que contribúe a mellorar a atención das persoas maiores. A experiencia adquirida pola Fundación San Rosendo nos seus máis de 20 anos no eido do coidado social actúa como aval destes proxectos innovadores.

Entre as actividades propostas neste sentido, destacan as enmarcadas na área sanitaria e as máis enfocadas a temas sociais, como poden ser a recuperación de costumes tradicionais, concursos de actividades manuais, xornadas de cancións populares para estimular a memoria ou terapias con animais, entre moitas outras.

Deste programa Experiencia Activa benefícianse os 36 usuarios cos que conta actualmente a residencia de Cartelle. "Temos tódalas prazas cubertas e máis que houbera", explica Vicenta Freire asegurando que mesmo contan con lista de espera para poder acceder a unha praza no seu centro. Un dato moi positivo para a directiva da residencia está en que o 80% dos usuarios que teñen hoxe en día sexan naturais de Cartelle, un rasgo que axuda a incrementar a veciñanza entre eles. O mesmo acontece co persoal laboral, que hoxe suma unha plantilla duns 14 traballadores, todos eles oriundos do municipio ou dos seus arredores.