Obituario | Benjamín Rodríguez Novoa, querido e comprometido camarada

Obituario.
photo_camera Obituario.

No día da romaría do San Mateo, preparou a súa viaxe eterna un querido compañeiro e camarada socialista, Benjamín da Forxa, nativo de San Lourenzo, gran pai de familia e un firme defensor das ideas e valores da esquerda.

Moitas veces nos contaba a súa historia vital, a de como a súa tía estivo presa no cárcere de Celanova cando estaba encinta, a da súa militancia no PC e o seu compromiso apaixonado coa xente de esquerdas coa que compartía profundos valores de liberdade, solidariedade e xustiza social. Amante das conversas con amigos e camaradas, devorador da prensa diaria, dos debates e da vida política, aínda que moitas veces lle xeraban boas xenreiras as noticias sobre a política actual e o fascismo.

Firme defensor da república, bandeira que abrazaba e que lucía tódolos dias do ano na solapa da chaqueta, amigo dos amigos e xeneroso con todos e con todas. A mesma bandeira que lle daba acougo ao seu cadaleito por expreso desexo nas horas que estivo de corpo presente.

Mariño mercante na primeira empresa navieira española, entre outros traballos, deulle a súa vida unha amplitude e visión da que moitos de nós carecemos, por ter recalado en moitos portos e coñecer moitas historias de vida da xente que por alí se movía.

Emprende a derradeira viaxe un home bo e xeneroso, con todos e todas as que puidemos coñecelo e desfrutalo. Deixa tras de si a súa dona Fina e a súa descendencia José Artemio, Ana Belen e Caterina e seis netos, que eran o ben máis prezado. Como tamén o fomos os compañeiros e compañeiras do Partido Socialista no que militaba e no que participaba activamente, ata os últimos días.

Boa viaxe querido Benjamín, a túa familia socialista recordarémoste sempre.

Te puede interesar