Trinta artistas recrean a imaxe da Virxe do Cristal

A obra de Carmen Senande, elaborada en hexaduro y polietileno termo fusionado.
photo_camera A obra de Carmen Senande, elaborada en hexaduro y polietileno termo fusionado.
Forman parte da mostra que acolle dende este xoves a torre de Vilanova

A torre de homenaxe da fortaleza de Vilanova dos Infantes acolle hoxe xoves, ás 11,30 horas, o acto de apertura dunha exposición permanente sobre a Virxe do Cristal. Aportan obras para a mostra máis de trinta artistas das catro provincias galegas.

Deste xeito, pretenden paliar o baleiro que deixou no ano 2015 a morte violenta do cura de Vilanova, Adolfo Enríquez, e o roubo da Virxe do Cristal, unha das imaxes marianas máis pequenas do mundo, de tan só cinco centímetros (século XVII), cantada por Manuel Curros Enríquez e Xosé Lois Méndez Ferrín.

Abrirá o acto o alcalde, Antonio Puga. A continuación falará o impulsor da iniciativa, Xosé Manuel del Caño, que fixo un chamamento na mesma torre o sábado, 3 de xuño, durante a presentación do libro da súa autoría, “Ósos de santo”, para que cada artista galego creara a súa versión da Virxe do Cristal, en diferentes estilos, materiais e formatos. A resposta desbordou as previsións máis optimistas, polo que a torre de Vilanova acollerá máis de trinta obras de Xulia Ares, Joaquín Balsa, Moncho Borrajo, Manuel Buciños, Manuel Catoira, Xosé Cid, Ramón Conde, Luz Darriba, María Manuela Díaz Orjales, Manuel Dopazo, Angy F.S., Ángel Huete, Francisco Leiro, Maribel Longueira, Urbano Lugrís, Arturo Baltar, Acisclo Manzano, Miguel Anxo Martínez Coello, Baldomero Moreiras, Rochi Nóvoa, Xurxo Oro Claro, Emma Pedreira, Soledad Penalta, Alfonso Pexegueiro, Antón Pulido, Baldo Ramos, Leandro Sánchez, Carmen Senande, Felipe Senén, Tareixa Taboada, Lucila Vázquez Gulías, Carmucha Vázquez Prats e Manuel Vidal, xunto a dous selos e tarxeta da Sociedade Filatétlica e Numismática Miño.

Te puede interesar