Cultura

Nós, de Galicia toda

Ramón Otero Pedrayo, Prego de Oliver, Xesús Ferro Couselo, o doutor Conde Corbal e outros intelectuais, no mítico O Volter. Na esquina inferior esquerda da imaxe, o Tucho.
photo_camera Ramón Otero Pedrayo, Prego de Oliver, Xesús Ferro Couselo, o doutor Conde Corbal e outros intelectuais, no mítico O Volter. Na esquina inferior esquerda da imaxe, o Tucho.

Oano vinte vinte é o ano de Nós, de todos nós. Non dun nós plural simple dun eu insolidario e egoista, como é o da revista Noi dos futuristas italianos. Tampouco dun nós de circulo secreto, pechado, e de vocación revolucionaria, como o dos irlandeses do vello Siin Féin irlandés, que podemos traducir por “nós mesmos” ou “nós sós”. 

O noso ano Nós, falará dun nós colectivo plural, transversal, xeneroso, amable, aberto, integrador, do san orgullo da cultura dun pobo feita revista, concretada en papel en outubro de 1920 en Ourense.  Pero a idea foi comezada a tecer en conversas de café e á calor da amizade reafirmada nas actividades das exposicións do Álbum Nós de Castelao, desde inicios dese ano. Por iso se chama como se chama.

E ese Nós histórico,  tan grande que caben nel unha xeración e un tempo enteiro, ecoa, con forza ata a nosa cultura de hoxe. A circulación da revista deteríase no verán de 1935, (todo se fora complicando naqueles tempos), pero non se esvaeceu nunca o espírito. Unha intensa navegación das xeracións máis novas que cazaran velas e manexaran temóns na nao Nós, acabou atracando nos peiraos das nosas vidas. Si. Todos somos culturalmente fillos e fillas dalgunha ou de varias das visións plurais dos máis novos de Nós. E tamén dos vangardistas, dos negadores, dos que non participaban ou non crían na revista, pero eran do seu tempo.

Son referencias, sempre, constantes, moitas veces, son comunicacións mesturadas que nos chegan. Castelao dixo nunha conferencia, para sorrir do público, que Valle Inclán era un galego máis auténtico ca el, porque nin cría nos galeguistas. Manuel Antonio, a nosa vangarda máis clara, nunca escribiu en Nós a pesar da súa amizade e orientación por Risco. Nin Rafael Dieste. E poucas colaboracións houbo de Fernández Mazas, e doutros novos, todos amigos, con acordos e descordos, no tempo Nós. 

Si. Na revista Nós, ao ter saído á calor do bafo da Burga, e ter sempre en Ourense nominalmente a súa redacción,  e ao seren impulsores os cultos señoritos do cenáculo ourensán, digamos o teórico Vicente Risco, o constante Floro Cuevillas, o exuberante Otero, acompañados dos seus organizadores Arturo Noguerol, Leuter González, e recoñecendo coa presenza do vello Xavier Prado Lameiro o elo cos epígonos do Rexurdimento do XIX, era lóxico que o peso e importancia das terras aurienses fose grande. Pero desde esta evidencia de ser Ourense a cidade Nós, debemos ver tamén, que nunca foi dunha Auria de inadaptados repregados arredor de si, senón que ao deixaren ese elitismo previo que os tiña entobados nas túas torres de marfil, ao abrírense ao traballo construtor iniciado polas Irmandades da Fala, pasaron nos seus tempos, a seren vocacionalmente vertebradores dun país. Por isto Nós é algo cuxa semente e froitos se esparexen por toda Galicia. Todos, toda Galicia é parte desta festa de centenaria lembranza.

O nacemento en Ourense

Si. En Ourense naceu, publicáronse 15 números, e en Ourense foi onde  a conexión entre xeracións máis novas de arqueólogos, intelectuais e artistas, e a lembranza de Nós foi máis intensa. Co traballo arqueolóxico de Cuevillas ata 1958, coa explicación aos “artistiñas” das vangardas sen prexuízos de Risco ata 1963, e sobre todo coa emoción, firmeza e fidalguías das lembranzas de Nós esparexidas e revividas por toda Galicia por don Ramón Otero Pedrayo en centos de pregóns, charlas, conferencias, entrevistas, inauguracións, entre 1947 e 1976. E tamén os epígonos. De Xoaquín Lorenzo Fernández, bebemos todos, as bágoas de amor polo tempo, polo traballo, pola ilusión colectiva de Nós ata 1989; “a misión dunha vida”, dicía.

Pero Nós non se pode entender sen esa Pontevedra onde Antón Losada Diéguez, conversor do diletante cenáculo ourensán, afortala ese eixo galeguista das cidades históricas do interior e costa da Galicia desde o Instituto, e onde nunha charla no Méndez Núñez, en xuño de 1920 decide con Castelao, Risco, Noguerol, Cabanillas... e algúns outros, crear a revista Nós. Alí se imprimiron, logo de saír de Ourense, tres números en 1923. E alí se funda, unindo grupos de toda Galicia, o Partido Galeguista en 1931. E si. Na cidade de Castelao onde viviu a revista cristiá Logos, esta si, desaparecida en xullo de 1936, érguese un Museo, no que coa actividade dun dos impulsores máis novos do Seminario de Estudos Galegos e da revista Nós, Filgueira Valverde, establécese un fío ilusión e continuidade na difusa e eterna Irmandade de Nós que chega á concreción das institucións autonómicas e de cultura, ata a fin da súa vida, en 1996.

E Nós ten nun lugar especial Vigo. Alí foi onde se teceron as redes entre o mundo económico e cultural. A cidade de Henrique Peinador, a cidade do banquete da Barxa e a súa ilusión política, a cidade dos mitíns nos cine Fraga, onde resoan Otero, Castelao, Cabanillas, Paz Andrade, é cidade de Nós. Alí, os fíos transmitíronse pola ilusión organizadora doutro dos novos da vella revista. O traballador incansable, Francisco Fernández del Riego, pilota a mutación do vello galeguismo en editorial Galaxia, e logo pula pola memoria deses tempos na Fundación Penzol. E tamén a actividade creadora, imaxinativa, persoal dun colaborador de Nós como Álvaro Cunqueiro, que como outros moitos seguen propias liñas na irmandade. Os irmáns Álvarez Blazquez, coa súa editorial Monterrei; Illa Couto, coa editorial católica SEPT na liña de Logos... En fin, Vigo é moi de Nós.

E Coruña, ten que lugar preferente nesta historia. É a cidade onde máis números se imprimiron, 77, e onde durante máis tempo saiu a revista. Entre 1925 e 1931, e das mans de Leandro Carre e logo de Anxel Casal, esgotado o pulo editor auriense. Imprenta Lar, na Rúa Real ou Nós, en Linares Rivas novas sedes. A cidade onde naceron as Irmandades, en 1916, a cidade dos Vilar Ponte,  a do xornal irmán A Nosa Terra,  a cidade onde entre 1918 e 1919 Eladio Rodriguez, publicara un suplemento literario chamado “Nós” no xornal El Noroeste, con cabeceira de Castelao, a cidade da Real Academia Galega, da que todos foron membros e nas que a partir dos anos corenta, foron incorporando, pouco a pouco, aos que foran máis novos de Nós, ata faceren da institución un referente galeguista, Coruña, si, é unha cidade capital na lembranza de Nós.

O 20 de outubro de 1920 saía o primeiro Nós, co seu potente mensaxe galeguista.

Ferrol e Compostela

E Ferrol. O lugar de nacemento de Fontenla Leal, un dos impulsores da RAG, a cidade do coro Toxos e Flores, o máis lonxevo dos vivos. A cidade natal de Camilo Díaz Baliño, deseñador de referencia da editorial Nós, a cidade do alcalde mártir Xaime Quintanilla, socialista e colaborador da revista, a cidade do pincel de Bello Piñeiro, ou da pluma sintematizadora de don Ricardo Carballo Calero, colaborador desde noviño, con 27 recensións, artigos e ensaios na revista; entre eles, a primeira reflexión escrita sobre a xeración de Risco, na propia Nós, en 1934. Estas cousas e outras moitas, danlle a Ferrol a categoría de ser cidade de Nós.

E a Compostela, sempre amada capital, a histórica sede da Universidade, do Seminario de Estudos Galegos, concreción do impulso investigar e lugar de conexión de xeracións, será moi cidade Nós.  Si, na imprenta Nós, do alcalde mártir Ánxel Casal, viron a luz 57 números da revista nos avoltos tempos da II República. Nos soportais da Rúa do Vilar 15 apagáronse as súas últimas luces de Nós revista e editorial, en 1936.  Pero non moi lonxe, conseguiron Otero desde a Cátedra e os mozos de Nós e do SEG,  Fermín Bouza Brei, o crego Xesús Carro, e don Antonio Fraguas, desde o Instituto Padre Sarmiento, avivaren os ecos e lembranzas de Nós e acederen fogueiras nos espíritos galeguistas dos mozos universitarios ou profesionais dos seus tempos. A última creación dese concordar, poren os corazóns en común, de xeracións foi o Museo do Pobo Galego, saudado por Otero Pedrayo nunha das súas últimas cartas, en 1976 e coa participación activa de todos os “vellos” que outrora foran os novos seminaristas. Si.  Santiago, Compostela, é capital espritiual, histórica e humana de Nós.

E o  Lugo de Bal y Gay, o Lugo de Fole, a cidade onde naceu case todo, na asemblea das Irmandades de  1918, vivirán algúns dos axentes máis novos e activos de Nós. E será a cidade tranquila onde por épocas, homes novos de Nós, como o eficaz Francisco del Riego, Alvaro Cunqueiro, Anxel Fole ou o docente represaliado daquela,  Ricardo Carballo Calero, manteñan as luces acesas de Nós. Claro que Lugo é Nós. 

Betanzos, Viveiro...

E tamén o Betanzos do xornal “Rexurdimento”. E o Rianxo de Castelao. E o Viveiro de Vilar Ponte. E a Celanova das mocidades galeguistas, o Mondariz do mecenado de Peinador. E o Cambados de Cabanillas e Asorey. E o Bande visigótico. E o San Andrés de Teixido de Pelerinaxes. O Monforte das asembleas das Irmandades. O Allariz e o Castro Caldelas de Risco. A Trasalba de Otero. A Lobeira de Xoaquín Lorenzo, o Cotobade de Fraguas, o Mondoñedo de Cunqueiro, o Moldes de Lousada Diéguez, O Ribadeo de Lanza. O Francelos prerrománico, O Mixós das tres cabeceiras. A Santa Eufemia de Ambía do seu Cristo románico. O mosteiro de Acibiero e o Candán. A Guarda. San Cibrán de Lás. E Santa Eulalia de Bóveda. E Melide. E o Deza. A folclórica Barbanza. E os Castros catalogados e sen catalogar de Castromao ao Tegra. A terra de Melide. E Bueu. E Noia. E Cotobade. E as terras de Velle, Calvos de Randín. A illa de Ons, San Cibrán de Las, Aquis Querquernis... En fin, os roteiros líricos de Ribadavia ou Allariz, os roteiros en barco dos Ultreya pola costa atlántica os roteiros pola vida e o mundo, por terras alemás ou bretoas, por lembranzas prestada de terras irlandesas, directas do Portugal irmán, ou achegadas das pólas do alén mar. 

En fin, en Nós vive toda Galicia co seu rico polimorfismo, coas súas variadas experiencias e perspectivas, co seu paso e as súas vontades. Toda Galicia estaba encerrada en Nós. E Nós tratou de abrirlles portas á alma da terra e compartir o que nos une e identifica. Por isto, todos somos e estamos orgullosos de Nós.

Te puede interesar