Arte et alia

O sabor da agua, unha acaída instalación colectiva site-specific

photo_camera Un momento do workshop con Villamide e un dos participantes.

Eis esta mostra o resultado dunha performance dende un taller intensivo que ben de impartir esoutra fin de semana o artista lucense “Christian” Villamide no Centro Cultural da Deputación. Del xurde como expresión decantada do workshop, práctica contemporánea na que os participantes se involucran para crear interaccións entre eles, amosando o resultado da aprendizaxe de algúns dos conceptos abertos nas sesións de “Entre a paisaxe e o territorio”. Alí, José Francisco Cantón de Venezuela e Daniel Carvajal Alonso da Coruña, arquitectos, e Lena Repetskaya, artista bielorrusa afincada no entorno de Ourense, fotógrafa artística e comercial. Con eles, Teresa Fernández e Xabier Fernández, fotógrafos, e Luís Chao Paz, arquitecto paisaxista. E todos traballaron, debateron e aprenderon arredor da idea de como a paisaxe se transforma en territorio... Foi na sala 0, e no contexto da exposición de arte “Néboas de luz” que o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), de Santiago de Compostela, trouxo fai unhas datas a Ourense, e na que ten obras o propio artista, colectiva con Sara Donoso como comisaria quen tamén estivo na segunda xornada do taller. Dende esta ensinanza informal o traballo do pequeno grupo medra coa implicación mutua. En paralelo, e moito máis, é a xenerosidade da naturaleza.

TERRITORIO/PAISAXE

Cando Francesco Petrarca subíu ao monte Ventoux en abril de 1336, inaugurou a percepción moderna que, en certa forma, recolleu Friedrich no Romanticismo alemán cos lenzos, nomeadamente o do camiñante admirando un mar de nubes dende un monte do Land da Suiza Saxona, sentimento intensificado a finais do pasado século. Mais o do poeta italiano ascendendo até o cumio é unha pulsión persoal dende a erudición latina, de onde Il Trecento, que fará implosión co Humanismo do Renacemento clásico. Ante el achámonos ao comezo dunha nova mirada sobre a natureza como paisaxe que pecha o medievo.

Pormenor da instlalación Entre a paisaxe e o territorio.

 

 

Pormenor da instlalación “Entre a paisaxe e o territorio”.

Villamide expresa dende fai anos reflexión na súa acción artística sobre a construción da paisaxe e a idea de territorio. Lonxe de procurar o regreso ao Edén, o seu é máis de un diálogo. Mais o primeiro é ter a percepción da paisaxe, ser consciente da súa existencia, o que implica intelixencia para a súa lectura, e poder entendela. Aí está a lección de Otero Pedrayo, asentada no concepto formativo da peregrinación e da tour romantique. En Christian hai algo dilo, na viaxe ao interior da montaña do Esplendor nihilista, instalación en clave espiritual presentada en Cuenca a mediados de ano. A paisaxe real como artificio e o medo á natureza virxe, a teimuda insistencia en axardinalo todo, con valados, a paisaxe fondo de atrezzo, as transformacións dos espazos naturais, a súa mercantilización e especulación, e a pouca autocrítica con todo, e coa natureza escollida para prazas e outros espazos públicos... Así o resultado nas paredes da sala, dende a súa reflexión dende o binomio natural/artificial, que é o punto de inflexión creativa. As plantas en ringleira, como nas “avenidas”, as especies arbóreas exóticas, outras incidentais que semellan os seus “placebos”, implicándose os alumni até no rastro debuxado das sombras, todo para achegarmos emocionalmente ás referencias do espazo natural.

Te puede interesar