Soledad Penalta monumentaliza os poemas galegos de Lorca na Ínsua dos Poetas
ARTE ET ALIA
Materializouse o poeta Federico García Lorca nunha gran escultura de Soledad Penalta dende os “Seis poemas galegos” para a Festa da Palabra nesta fin de semana en Madarnás/O Carballiño. A singular proposta poética reflicte o seu interese pola nosa terra e xentes, ás que amou, singularizándoo na mencionada escrita poética. As súas estancias en Galicia dende 1916 aboian coa súa publicación o 27 de Nadal de 1935 no volume LXXIII de Nós, obra que nace coa introdución de Eduardo Blanco Amor (EBA), con quen fixera amizade. Nela salienta como as verbas escritas polo granadino no “dorso de unos recibos”, nun telegrama ou nas “restingas de una carta”, foron un milagre “de la poesía”, sinalando que a súa intervención consistiu en “echar más allá un acento o traer más acá un desmandado apóstrofo”... O libro foi composto a man polo editor Casal, sendo o “incitador decisivo” para escribilos Ernesto Guerra da Cal, “su amigo más íntimo y personal en aquellos días...”. O poeta e dramaturgo andaluz tiña visitado Galicia tres veces en 1932, ano no que viu a luz Madrigal a cibdá de Santiago, o primeiro poema no libro. Para elo Lorca puxera os poemas nas mans de EBA en 1935, papeis que acabaron, trala morte deste, na Biblioteca da Deputación de Ourense. E a institución provincial preparou como colofón da celebración un cartafol con fotos a Lorca do propio Eduardo en Granada, un destacado artigo seu e o seu facsímile do libriño.
A ESCULTURA DE SOLEDAD
A prestixiosa artista dispuxo sobre unha gran prancha curvada de seis metros de aceiro corten que flotasen as seis follas metálicas en aceiro inoxidable cos textos dos seis poemas: eis unha alegórica disposición na que a escrita poética manda mais que a estrutura-nai que as soporta. Na cor escura e mate do corten, que parece absorber a luz, aboian sobre un fondo brillante, gris prata, as palabras escritas de Lorca en galego. E se como dixera o poeta “La luna vino a la fragua con su polisón de nardos”, neste mes en que se inaugura a lúa, metáfora predilecta súa, poderase verse reflexada até en cinco fases. E unha recente exposición da artista en Compostela levaba o acaído título “Grafía y reflejos de la luna”. O frontis remata cunha cabeceira alusiva e unha vieira, relacionada desta volta co Ano Santo Xacobeo. E se a fronte da escultura fala consonte ao encargo, na parte posterior a Académica de Belas Artes exprésase coa súa linguaxe formal de formas xeométricas de proxenie abstracta, vinte cabezas humanas ocupan nun horror vacui a superficie, paráfrase do pobo galego, asombrado ante o suceso: un dos meirandes poetas en castelán escribe en galego engaiolado pola nosa fala. Malia o pouco tempo dende a encarga A gran escultora nada en Noia está nestes días a facer unha retrospectiva de fondo alento no Kiosco Alfonso, sinalada sala de exposicións do centro de A Coruña.
A romaría anual na Ínsua dos Poetas as letras, un regalo de gran arte, literatura e amizade, con Luis G. Tosar como capocannoniere.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Julio Tizón Diz, un pintor sen palabras
DOS DÉCADAS DE EXPERIENCIA
Acupuntura para mascotas en Ourense: aumenta por las ventajas de su aplicación
Román Arias Fraiz
DIARIO LEGAL
“Pequenas” actividades molestas en Comunidades
RALLYMIX
Ramilo no dio tregua en Barbadás