Cultura

Xudit Casas, en defensa da muller

Cultura

ENTREVISTA - VIDA

Xudit Casas, en defensa da muller

Xudit Casas.
photo_cameraXudit Casas.
Ante a chegada do 25-N, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, estreáronse dous traballos coa súa sinatura: "Non co meu móbil" e "Nunca é tarde", nos que se aborda e denuncia a violencia en adolescentes, e non tanto, e persoas maiores no rural. 

Xudit Casas é unha cineasta todo terreo. Dende os seus inicios abordou nos seus traballos audiovisuais diferentes temáticas, pero sen perder nunca de vista o feminismo. Ante a chegada do 25-N, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, estreáronse dous traballos coa súa sinatura: "Non co meu móbil" e "Nunca é tarde", nos que se aborda e denuncia a violencia en adolescentes, e non tanto, e persoas maiores no rural. 

Ante o 25N estreou dous traballos sobre a violencia de xénero, tras ter realizado pezas doutras temáticas. Que a leva a afondar neste tema?

Son dous vídeos que fixemos para Red Talento Consultoras, enmarcados dentro do Pacto de Estado: un sobre a violencia de xénero na adolescencia, "Non co meu móbil", e outro sobre as mulleres maiores no mundo rural, "Nunca é tarde", iniciativa dos GDR Salnés-Ulla - Umia  e GDR Limia-Arnoia respectivamente, e ambos con convenio coa Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia. 

Nos meus inicios a muller xa era un tema que aparecía nos nosos videoartes como "Amor" ou "O Mar". Na miña familia se me inculcou que as mulleres temos que ter os mesmos dereitos que o resto e, de xeito autodidacta, é un tema ao que lle dedico moito tempo de lectura e investigación. A conducta humana interésame moito, sobre todo, as normas non escritas e invisibles da sociedade que acatamos sen chiar. Esta é unha constante do meu traballo. Ademáis, a violencia sufrímola todas as mulleres, en maior ou menor medida. Os homes tamén sufren, doutro xeito, como a presión que teñen por non mostrar os seus sentimentos ou a obriga de manter a economía do fogar. Cando abres os ollos con este tema, xa non hai volta atrás, o que se chama ver o mundo coas “lentes moradas”.

“Nunca é tarde", interpretado por Luisa Merelas, incide no maltrato a mulleres de avanzada idade no rural. Como foi a preparación para levalo a cabo?

Querían un vídeo que mostrase a violencia de xénero no rural onde hai un envellecemento da población e visibilizar a violencia neste marco. A partires de aí presentei unha proposta que buscaba a sinxeleza e a nostalxia de antes, pero coa forza e potencia da muller do rural galego. María Jesús Bóo, a persoa coa que xestionamos o traballo, estivo sempre aberta e confiou moito no noso parecer o que é de agradecer. Non sempre temos esa sorte os e as creadoras. Os meus mellores traballos saen cando me deixan facer. Como agradecemento, María Jesús consta de guionista comigo no vídeo, pois tivo moi bo criterio nas correccións e é unha forma de sororidade, de apoiarnos e valorarnos entre nós, que tanta falta fai. Por outro lado, a interpretación de Merelas é impresionante, nótase que ama o teatro e, para mín, non hai mellores actrices ou actores que os que aman o teatro.

Para a mocidade, “Non co meu móbil”, sobre os novos controis onde predomina a violencia psicolóxica. 

Aínda que esté plantexado para a xente máis nova e nativa dixital, moitas mulleres que sufriron violencia psicolóxica da miña quinta síntense moi identificadas. Desgraciadamente, teño moitas amizades, máis ou menos devastadas, por relacións nas que sutilmente as súas parellas van minando a súa autoestima ata rompelas. Antes a muller quedaba na casa recluida, agora non, pero o teléfono móbil fai que outra persoa poida ter o control en todo momento doutra. O problema non é a tecnoloxía, o problema é o uso que facemos dela. A sociedade permite esta violencia e non sei ata que punto son conscientes as persoas de como tratan a súa/s parella/s. As relacións afectivas levan moitísmo traballo, son unha responsabilidade, non é tan sinxelo como teño moza ou mozo e xa está. Esto non é algo que se inculque, todo o relacionado co amor é imposto dende que nacemos.

Recéntemente, nesta edición do OUFF, estreou “Amar en libertad", sobre o poliamor. Que nos conta deste documental? 

É un documental independente e autoxestionado que parte do poliamor pero cuxo trasfondo vai moito máis alá. É un traballo xornalístico, que fuxe do morbo e do formato comercial, e que trata un tema universal que lle interesa a todas as persoas: o amor e temas relacionados con el, como a xestión do tempo, os celos ou o sexo, entre outros. A través del analízase o papel da muller nas relacións e o mito do amor romántico, ese ideal que nos venden e co que nos enganan dende pequenas. Pensamos que somos libres na nosa vida privada e que eleximos, pero eso está moi lonxe da realidade.

Como o está recibindo o público?

Está tendo moi boa acollida, eso sí, fora do circuito comercial cinematográfico. Escríbeme xente de moitas partes do mundo porque está moi interesada nel. É un traballo distinto ao que a xente ten costume, eso seguro. Non te deixa indiferente, de feito persoas que xa o viron queren velo de novo.

Pódese decir que últimamente se centra no feminismo nos seus traballos, a que se debe esta evolución?

A verdade é que si. Coincide que estos traballos teñen en común o feminismo, pero eso non quere dicir que os meus seguintes proxectos se centren neste aspecto. É dicir, a perspectiva de xénero vouna e debo mantela, anque fixera unha obra pornográfica ou unha película do oeste, por poñer algunhos exemplos. O feminismo, ou a igualdade para quen lle chame así, ten que irse incorporando en tódolos ámbitos da nosa vida, porque aínda que na teoría (na Constitución) se reflexe, na práctica non. E o feminismo axuda tanto a unhas como a outros, algo que a xente non acaba de entender.

Ante o 25-N, dende o seu papel como directora de cine, que nos pode decir?

Como directora teño que reivindicar a discriminación que sufrimos no eido audivisual. O cinema de verdade está agonizando por mor do sistema do espectáculo. É increíble que cando as imaxes en movemento están tan democratizadas gracias a tecnoloxía, haxa tanto descoñecemento a unha profesión tan dura, costosa económicamente e sacrificada. Só uns poucos privilexiados poden facela, e se ata os homes teñen problemas, imaxínate unha muller e máis se é do rural. Violento tamén é que non nos paguen, que tenten que traballemos gratis ou con un orzamento que de pequeno é ofensivo, que nos subestimen, que non valoren o noso criterio profesional, que se aproveiten da nosa paixón, que se fale dun falso “cine de mulleres” para desprestixialo, etc. As mulleres son as que máis mercan e disfrutan cultura, deberíamos ser conscientes do poder que temos para que a sociedade mude o guión establecido.