“Fai falta máis Entroido de calle, é onde está a revolución da festa"

ENTREVISTA

Miguel Ángel Prieto, "entroideiro de nacemento", pronunciará o pregón da festa verinesa

Miguel Ángel Prieto Sotelo, pregoeiro do Entroido de Verín 2020.
Miguel Ángel Prieto Sotelo, pregoeiro do Entroido de Verín 2020.

Miguel Ángel Prieto, "entroideiro de nacemento", pronunciará o pregón da festa verinesa o domingo de Corredoiro. Tamén é o protagonista do documental "O noso Entroido", que se proxectará o sábado 15 no Auditorio municipal.

Que significa para vostede dar o pregón de Entroido na súa vila natal?

Para min, como entroideiro verinés de toda a vida, é un orgullo. Estou tamén contento porque o Concello iniciou a liña de escoller pregoeiros da vila e por eso me motiva máis.

Por que cre vostede que é importante que se aposte por xente da vila para facelo?

Eu non lle quito mérito aos que viñeron antes e que eran de fora: personaxes públicos, da televisión, da cultura ou de outros ámbitos, pero penso que o máis lóxico é que o pregón do Entroido dun pobo o pronuncien os entroideiros do pobo, que son os que saben as comedias, as tramas e as cousas dos seus veciños. Creo que é máis interesante.

Xa o ten preparado, ou vai a tirar de improvisación?

Un pouco de todo. A ver, o pregón non pode ser unha cousa improvisada. Si hai algo de improvisación, pero tamén de comedia, de absurdo e de emoción.

Vostede defínese a si mesmo coma un entroideiro, ¿que é ser un entroideiro en Verín?

Eu son un neno do barrio vello de Verín, onde se fermenta o Entroido. Eu dende pequeniño xa o mamei ao estar en contacto cos antigos entroideiros: o "Cazoleiro", o "Cesteiro"... e moitos máis. Falo dos homes que nos deixaron o camiño feito e eu sígoo. A ver se os novos que veñen detrás seguen o noso.

En Verín hai relevo xeneracional para poder manter a tradición?

O máis importante para min é o desfile dos cativos, o xoves de Comadres pola mañá. Eses nenos son os que van a seguir a tradición e aos que hai que meterlle o virus do Entroido. O que hai que facer tamén é comedia na calle, ¡falta Entroido de calle! Máis parodias...

Estase perdendo o Entroido de rúa?

Non se está perdendo, pero deberíamos ser moitos máis facendo o Entroido na calle, con parodias, disfraces, inxenio e imaxinación. A revolución do Entroido está na rúa, sempre foi e sempre será.

Houbo un pouco de polémica esta semana por un cartel no que un local anunciaba a festa do Entroido cunha muller prácticamente espida, moitos dín que se trata dunha sátira. Como lle explicaría a alguén que non é de Verín a retranca do seu Entroido?

En primeiro lugar dicir que o cartel é do establecemento dun amigo meu, Antonio Fernández, alias "Cesteiro", un dos mellores entroideiros de Verín. Todo o que veña del é sano, non ten nada de veneno. Todo é sátira, é Entroido. Por outro lado, en Verín, cando chega o Entroido, entramos nunha catarse colectiva. Nos transformamos no que nos gustaría ser, en personaxes. Todos os verinenses somos entroideiros dende o principio ata o final, entón a calquera cousa lle sacamos punta, chispa, ironía ou un doble sentido, pero sen facerlle mal a ninguén.

Contenido patrocinado

stats