ÚLTIMO TRIMESTRE DE 2025
Foro La Región, referente del debate político, territorial y emprendedor
Galicia teno todo para triunfar a nivel industrial. Quedou demostrado no Foro La Región que dirixiu onte Daniel Hermosilla, “valdeorrés que se considera ourensán” -así o dixo no inicio do seu relatorio- presentado polo arquitecto Juan Carlos Cabanelas. Hermosilla é aparellador e CEO do Grupo Rodiñas Pretensados. Gañou recentemente o II Premio “Arquitectura para un mundo mellor” e presentou onte o seu libro “Galicia, distrito industrial” no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde aportou a súa óptica sobre a modernidade do noso territorio.
“Quedei aterrado cando nun diario nacional, para ilustrar as eleccións autonómicas, saía unha señora cun mandilón e un sacho”, dixo Hermosilla. Paréceme un desfase tan grande entre unha realidade social, económica, con ese tipo de relato… Hai que rebelarse contra iso, ten custos económicos”, engadiu o empresario. Segundo contou, as compañías galegas saen ao exterior coa imaxe dunha sociedade “rural, atrasada, pobre” que lles impide ofrecer produtos “de vangarda”.
Esa foi a súa motivación para escribir o libro. “Dábame a sensación de que as empresas de aquí eran punteiras en moitos sectores diferentes. O tema era contar esta historia, poñelo enriba da mesa”, detallou o relator do Foro. Hermosilla aseverou que “Galicia non é rural, é unha sociedade urbana, aínda que se viva nunha casa no campo. É unha cidade continua por todo o Atlántico, cun nivel de industria máis que interesante”.
A historia empresarial de Galicia está trufada de historias de éxito. Hermosilla lembrou algunhas, como a botadura do petroleiro Arteaga, construído nos anos 70 nos estaleiros ferroláns de Astano. “Un petroleiro de 400 metros, o de maior eslora do mundo. O primeiro que se construía nunha rampa de lanzamento en vez de nun dique seco. Entendíase que ao botalo ía partir”, comentou: “Viñeron xornalistas de Xapón para levantar crónica de como se rompía”.
Non só non rompeu, senón que marcou un precedente. Os petroleiros comezaron a construírse deste xeito debido ao seu menor custo, impulsando o comercio de petróleo. “Cambiamos o mundo dende Ferrol”, proclamou Hermosilla. Outros exemplos que mencionou foi a invención do concepto do buque factoría en Vigo e o nacemento de Pescanova. Tamén a construción da presa de Belesar, a primeira de bóveda de máis de cen metros en Europa. “Atreverse a iso era coma ir a Marte”.
Respecto á situación actual do empresariado en Galicia, Hermosilla resaltou como “gran sorpresa” o éxito de Inditex: “Cunha serie de innovacións moi interesantes conseguen abrirse camiño”. Así e todo, tamén destacou o xermolo de “pequenas sorpresas”. Empezan a aparecer especialistas “en traballar a madeira, o plástico, o vidro, a pedra, aplicacións informáticas, multitude de tecnoloxías…” Todas elas dun tamaño “excepcional”: “Non son pequenas carpintarías”.
No seu relatorio do Foro de onte, Hermosilla apostou por “mirar en horizontal, non só en vertical”. Este cambio de óptica fai “producir unhas sinerxias, unha suma de capacidades, complicidades”, enumerou, antes de invitar a “erradicar mitos” como que “os galegos son individualistas”. Compartir coñecementos acaba desembocando en “produtos moito máis complexos, con moito maior valor engadido”.
Como caso paradigmático, sinalou o que move a automoción en Vigo. “Arredor leva habendo unha inmensidade de empresas que fan pequenos elementos” e adquiriron uns coñecementos que, redirixidos, acaban en innovación.
Hermosilla soñou no Foro de onte cunha Galicia “como Austria” -polo seu liderado exportando madeira e pola coordinación de universidades e empresas neste senso- ou como Baviera, unha potencia industrial con raizame territorial. Só financiar os grandes proxectos é un “erro”, opinou: “Hai moitas empresas que teñen un impacto no territorio fundamental. É algo que non se ve no Ardán”. Por iso, avogou por un formato de cooperación no tecido empresarial para saír máis fortes cara os mercados exteriores. “Imaxinade un peixe pequeno que ve unha balea e unha nube de peixes con forma de balea. É igual, vese o mesmo”. Isto último é un “distrito industrial”. Hermosilla opina que Galicia está en fase de “protodistrito”: “Que nos falta? Ensamblar todo iso. As políticas de clúster están ben, pero hai que hacer políticas de interclúster”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ÚLTIMO TRIMESTRE DE 2025
Foro La Región, referente del debate político, territorial y emprendedor
RESPUESTAS A LA SOCIEDAD CIVIL
Luis Menor: “Debemos ir cara a mancomunar servizos”
Lo último
La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
PLANES EN OURENSE
Agenda | ¿Qué hacer en Ourense hoy, domingo 21 de diciembre?