Hervella: "O Barbaña debería ser o orgullo da cidade, é unha vergoña como está”

Foro La Región

Juan Andrés Hervella, extécnico de Turismo do Concello de Ourense e autor de “Xardíns de Ourense”, é o protagonista do Foro La Región

Juan Andrés Hervella, protagonista do Foro La Región (Foto: Miguel Ángel).
Juan Andrés Hervella, protagonista do Foro La Región (Foto: Miguel Ángel).

Juan Andrés Hervella foi técnico de Turismo no Concello de Ourense durante tres décadas. Gran coñecedor da historia de Ourense, especialmente da monumental, colabora en La Región coas súas crónicas sobre fontes, pontes ou templos. É o próximo protagonista do Foro La Región, que se celebrará o 17 de xaneiro ás 20,30 horas no centro cultural Marcos Valcárcel. O autor disertará sobre as zonas verdes da cidade, outro ámbito no que é experto. O coloquio enmárcase na publicación do seu novo libro, “Xardíns de Ourense”, que precisamente recolle artigos do autor publicados neste periódico. Hervella fará un percorrido polos parques e pulmóns verdes da cidade, desde os máis coñecidos (Posío, Alameda, Montealegre…), ata os recunchos verdes máis fermosos e agochados nos barrios da cidade. Hervella tamén dá un toque de atención á sociedade: hai que coidar os nosos lugares de esparexemento naturais.

“Xardíns de Ourense” é o seu terceiro libro. Xa falou de fontes monumentais, de pontes… Por que os xardíns? A cidade entenderíase sen os seus espazos verdes?

Os xardíns son unha tarxeta de presentación. Se están floridos e ben coidados, a xente vai ver algo curioso. En Ourense non había gran tradición de xardíns salvo polo Posío, que era histórico. A cidade sen xardíns é una cidade morta. Son un lugar de esparexemento e o pulmón verde da cidade. Hai parques moi curiosos, como o Castro de Santomé, que non é un parque pero é un espazo verde moi importante. O Xardín Botánico de Montealegre tamén é importante e está moi ben situado, ten unha perspectiva panorámica da cidade.

Están ben conservados os nosos espazos verdes?

Todas as cousas teñen os seus pros e contras, algúns dentro das súas posibilidades están ben conservados, os que están preto da auga. Pero hai outros perdidos totalmente. O caso da Alameda é sangrante, está totalmente desfeito; é un barrizal. Comprendo que coa reforma había que levar a Praza a algún sitio, pero, agora que a Praza de Abastos xa está preparada para funcionar, o ideal é que volva ao seu orixe e se faga unha rehabilitación a fondo do xardín, que está totalmente perdido.

E que pasa co Posío, histórico pulmón verde da cidade?

Tamén é unha desgracia, porque era un parque histórico. Tivo mala sorte. Cada vez que se constrúe un edificio, perdía terreo. Tronzaron o xardín. Había ata moitas capelas nel que terminaron por desaparecer. Tamén pasou no Parque das Aventuras do Couto, que chegaba moito máis adiante e cando fixeron eses mamotretos de edificios cortaron parte da estrutura.

E o Barbaña, que?

Iso é unha vergoña. Parece mentira que un río que pasa pola cidade, que debería ser un orgullo, que ten máis importancia que o Manzanares en Madrid… E mira. O Barbaña ten un afluente con auga, na zona de Barbadás está ben coidado, pero ao chegar a Ourense é horrible.

Como pode ser que unha cidade lle queira tan pouco ás súas zonas verdes?

Ourense sempre foi estraño nese aspecto. O Miño tamén estaba abandonado, non fai moitos anos as casas tiñan as fachadas cara á rúa, agora déronse conta de que é un erro e empezan a poñelas cara o río. É unha tontería non mirar para o río. En moitos sitios ata se poderían poñer barcas, o río ten capacidade.

Cre que as barcas serían un motor económico interesante na cidade? Onde as colocaría?

Si. Na parte máis ancha. Desde a zona do viaducto ferroviario ata o Ponte Romano. Despois perde posibilidades. En Arnoia, en Laias, en Lobios… teñen moito éxito os ecobarcos. Agora tamén os queren poñer en Muíños. E, ademais, non se precisa demasiada titulación para iso. A clave é que o turista que vén a Ourense non esté un día, quede varios. Se lles ofreces alternativas, pódese.

Cre que faltan máis zonas verdes na cidade?

Claro. Refrescan, atraen a chuvia, non se marcha a terra porque as árbores sosteñen a terra e, aínda por riba, a madeira das árbores é a que nos acompaña na última viaxe, nos cadaleitos.

Hai barrios máis perxudicados ca outros pola falta de espacios de esparexemento?

O centro da cidade está máis coidado que a zona rural, pero na zona rural a xente é moi coidadosa. Algúns parques que fun ver no rural de Ourense teñen a alguén que vai tódolos días a regar, a alguén que vai sachar. Esta xente considera que o parque é deles, non do concello. É a súa casa.

Falamos dos xardíns máis emblemáticos. Hai parques descoñecidos que merecen a pena na cidade?

Si. A Carballeira de Santa Cruz, a Ramallosa. Hai un parque semiabandonado que no seu día tiña carteis que che ían explicando as plantas. A idea da caseta era levar aos rapaces, explicarlle as árbores, as características... Pero está abandonado, hai tempo que non vou.

Aparte da desidia dos gobernos por coidar os seus pulmóns verdes, cre que o vandalismo tamén inflúe no estado actual dos xardíns?

Si. Se non tes consciencia do que tes na casa... Hai que concienciar, pero tamén ten importancia a escola nesta tarea. Na materia de natureza deberían ensinar isto.

E que opina da zona termal?

Foi un gol que meteron en Ourense. Cando se fixo, non tiveron en conta que esa zona é toda inundable. Todos os anos medra o río e leva todo por diante.

Montealegre é a xoia verde de Ourense. Pensa que está o suficientemente aproveitada esta zona?

O Xardín Botánico de Montealegre é un bosque mediterráneo moi singular. Se non hai unha persoa controlando alí, non se fai nada. Tamén cos magostos hai que ter máis responsabilidade. Isto apréndese no colexio.

Contenido patrocinado

stats