Teresa Táboas: “Boto en falta máis relación co Miño e que se poñan en valor As Burgas”

Teresa Táboas é arquitecta

Publicado: 14 ene 2024 - 04:42 Actualizado: 14 ene 2024 - 07:26

A arquitecta Teresa Táboas.
A arquitecta Teresa Táboas.

Teresa Táboas é unha das arquitectas máis influíntes do mundo e está convencida de que a cidade de Ourense pode renacer da man da arquitectura do futuro.

Como espera que evolucione a arquitectura en 10 anos?

Nos próximos anos, a arquitectura ten que dar resposta á incerteza e ás problemáticas que a crise climática está a xerar. Entre elas, por exemplo, a descarbonización, eliminar o carbono da atmosfera. Necesitamos atopar formas de utilizar materiais que o eliminen. Aí teremos tamén que innovar nos sistemas de captación, recarga, e aforro de auga. Nas propias tipoloxías das vivendas, na calidade do público, tanto nas edificacións (hospitais, escolas, etc) como no espazo externo (prazas, rúas…). O novo enfoque de deseño ten que conectar a sustentabilidade e a resiliencia como estratexia.

Cales cre que serán os principais desafíos e oportunidades para os arquitectos?

Temos unha grande responsabilidade, polo impacto do cambio climático, na planificación territorial, das cidades, das edificacións. Porque o noso sector, o da construción, está vinculado aos grandes fluxos de materiais e enerxía. O 36% da enerxía mundial está destinada á construción e o 8% das emisións globais proceden da fabricación do cemento.

Hai algunha tecnoloxía que vaia revolucionar o mundo do deseño arquitectónico como está a pasar coas intelixencias artificiais?

Hoxe en día, a IA especialízase en moitos campos profesionais que requiren intelixencia, creatividade e pensamento crítico, como é a arquitectura. Isto suscita moitas discusións sobre o futuro da práctica arquitectónica. Pero aínda estamos comezando a coñecer os beneficios e desvantaxes das formas nas que a IA pode contribuír ao futuro da práctica profesional.

No contexto da arquitectura do futuro, como afectarán os termos sustentabilidade e eficiencia enerxética nos edificios públicos do futuro?

Ter edificios públicos sostibles ten moitos beneficios, ademais de producir menos emisións. Xa que, por mor da eficiencia enerxética e hídrica, pódese aforrar diñeiro nas facturas de servizos públicos. Polo tanto, beneficios económicos e financeiros. Un bo deseño reduce tamén os custos de construción, que serán menores, ademais de reducir os gastos do mantemento. É importante, xa que é o público, o patrimonio común, e ten que ser non só sostible desde o punto de vista medioambiental, senón tamén desde o punto de vista económico. É unha grande responsabilidade.

Que opina dos cambios nos modelos das cidades?

Romper co vello concepto do urbano e do rural é transitar cara un modelo territorial diferente, e que agora si permiten a irrupción das novas tecnoloxías. A cuestión das escalas das cidades será crucial para poder establecer a súa relación cos territorios que precisa para a súa subsistencia, e por ende saber do seu impacto, e do dano nos ecosistemas. É necesario un enfoque alternativo.

Como de importante é un desenvolvemento urbano sostible e adaptado ás persoas nun proceso de expansión dunha cidade?

A discusión sobre como planificamos as cidades nas que queremos vivir é un debate eterno. Á medida que a sociedade vai cambiando, tamén o fan os deseños urbanos de forma predicible e impredicible. Aprender do que se fixo mal nas últimas décadas obríganos, no noso contexto histórico, a deseñar cidades onde as persoas sexan o centro, con menos transporte privado, barrios máis transitables, e parques e espazos públicos de gran calidade, deseñados a unha escala máis humana.

Que cidade é un exemplo a nivel urbanístico e de humanización?

Hai varias escalas diferentes, non é o mesmo peonalizar unha cidade de pequena escala, que facelo nunha como París, de aí a proposta por exemplo da cidade dos 15 minutos, que do que se trata é tentar reducir a escala dentro da gran escala.

Que opinión lle merece o estado do urbanismo ourensán?

O urbanismo de Ourense, do mesmo xeito que o de outras cidades, está preso de instrumentos de planificación obsoletos, os chamados PXOM, que tardan tanto en poñerse en marcha, e moitas veces xudicializados, como neste caso, e que atrasan indefinidamente a posta en marcha dos procesos de transformación. Pero desde a política poden buscarse novas solucións, se realmente se quere mellorar a vida das persoas. No caso concreto de Ourense boto sempre de menos unha maior relación co río, ou a posta en valor da súa orixe, que é, a zona das Burgas.

Hai potencial na cidade?

Claro que hai potencial, houbo cando foi fundada hai séculos e haberá tamén para o futuro, simplemente é necesario ter a idea clara de cara a onde se quere ir, con valentía, intelixencia e creatividade. E coa cidadanía como vector, facer cidade, é un proxecto colectivo.

Como afecta a falta dun PXOM actualizado que vaia cos tempos?

Polas razóns que comentei antes, porque os PXOM redáctanse para un escenario económico, social e medioambiental concreto, pero a demora na súa aprobación fai que sexan moitas veces obsoletos, cando finalmente se poñen en marcha.

Que se pode facer para librar do desleixo á zona vella de Ourense?

Con políticas de vivenda pública, como as que puxemos en marcha xunto co goberno local da cidade de Ourense dende a Consellería de Vivenda. Comprando e rehabilitando edificios abandonados e poñéndoos á disposición en réxime de alugueiro para xente nova, que son os que teñen problemas de acceso á vivenda. Promover a mestura de usos, edificios interxeracionais. É un patrimonio que hai que recuperar, en liña coas novas formas en que debemos facer arquitectura, que é recuperar na medida do posible as edificacións xa existentes.

Como é ser unha das profesionais do seu ámbito máis recoñecida a nivel mundial?

É un honor e unha responsabilidade, xa que coñeces a problemática desde diferentes ópticas e latitudes, e polo tanto, es consciente da dificultade moitas veces de poder dar unha resposta única, a problemáticas comúns, como é a crise climática, a falta de vivenda ou o crecemento descontrolado das grandes cidades. É necesario buscar solucións realistas, e analizar e traballar con expertos de todo o mundo, para que as mensaxes desde unha organización como a UIA (Unión Internacional de Arquitectos) sexan axentes potentes de cambio.

Cando comezou, pensaría que chegaría a onde está agora?

Cando comezas tes como todo o mundo, soños, utopías, e camiñas día tras día tras deles, pero a realidade é testana e moitas veces lévate cara outros lugares. Eu nunca tiven entre os meus plans moitas das cousas que me foron sucedendo, entre elas estar de vicepresidenta da UIA ou ter sido Conselleira de Vivenda. Así que o que hai que facer cando te propoñen e te elixen para asumir certas responsabilidades é facelo con moito agradecemento, responsabilidade e ilusión.

Cal é o seu proxecto máis especial? Por que?

O proxecto máis especial: vivir, con toda a complexidade que iso implica. E poder contribuír desde o meu lugar no mundo, que é Galicia.

Como valora o seu paso pola política? Volvería meterse?

A miña experiencia na política foi sen lugar a dúbidas un dos momentos máis interesantes e ilusionantes da miña vida, porque tomei conciencia de que é posible, se realmente se quere, mellorar a vida das persoas, incluso dentro dos límites impostos polo sistema. Pero para iso hai que ser valentes, enfrontarse e non retroceder.

Contenido patrocinado

stats