Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia: “A intención é dar un salto cualitativo”

ESPECIAL OFICINA DE TURISMO

Xosé Manuel Merelles, director de la Axencia de Turismo de Galicia, destaca os servizos das instalacións da Casa do Legoeiro para Ourense e subliña o incremento de visitantes e turistas á cidade no último ano.

F.D.

Publicado: 20 jul 2024 - 09:04

Xosé Manuel Merelles, director de la Axencia de Turismo de Galicia.
Xosé Manuel Merelles, director de la Axencia de Turismo de Galicia.

Apostar por un turismo en Ourense de calidade, sostible e no que a experiencia dos visitantes sea o máis completa posible ten no punto de información da Casa do Legoeiro un dos seus piares fundamentais. Xosé Manuel Merelles, director de la Axencia de Turismo de Galicia, destaca os servizos destas instalación e o incremento de visitantes e turistas á cidade no último ano.

Como xurdiu o proxecto de recuperación desta oficina?

Quixemos poñer en valor un espazo emblemático como este, o da Casa do Legoeiro, situado na Ponte Romana, un lugar estratéxico tamén para o turismo da cidade dándolle un importante atractivo turístico a toda esta área da cidade. Este local xa albergou anteriormente a oficina de turismo, pero a nosa intención foi melloralo, dotalo de maiores servizos e tamén contar con novos espazos como a área termal ou áreas para exposición de recursos turísticos da cidade. A nosa intención é dar un salto cualitativo para facilitar e mellorar a atención daqueles que nos visitan.

Como se desenvolveu o proceso ata a súa apertura?

Estívose traballando nun intenso labor de rehabilitación tanto interior como exterior do edificio. Leváronse a cabo traballos de reforma da cuberta, restauración da fachada e carpinterías exteriores, pero tamén a recuperación de pavimentos e colocación de recuperadores de aire para mellorar a súa calidade. A intervención supuxo a remodelación dun inmoble histórico de 200 metros cadrados.

Turistas en As Burgas, un dos puntos turísticos máis visitados da cidade.
Turistas en As Burgas, un dos puntos turísticos máis visitados da cidade.

Como se integra a oficina na contorna histórica e patrimonial da Ponte Romana?

Unha vez vistos os resultados, cremos que a intervención foi moi acertada, conseguindo unha perfecta integración nesta contorna que xa de por si ten un importante valor patrimonial.

A destacar

O turismo internacional “incrementouse un 29% na cidade e acadou os mellores niveis da historia con preto de 16.000 noites. Está senguindo, por tanto a tendencia do resto de Galicia. Está claro que, entre outros factores, coa chegada do AVE ata esta urbe, cada vez son máis os que se deciden a aproximarse ata aquí para coñecer non só os encantos de Ourense: a súa Catedral, as súas termas, a súa zona histórica… Tamén o resto da provincia e o teremos en conta”, finaliza Merelles.

Cal é o elemento diferenciador da Casa do Legoeiro e o seu papel no turismo da cidade?

Quixemos converter tamén a Casa do Legoeiro nun lugar que en si mesmo sexa tamén un atractivo turístico. De feito é un inmoble histórico que recuperamos coa intención de compartilo cos que nos visitan e cos ourensáns que se acheguen ata aquí. O edificio conta con dous andares, un mostrador de recepción ao público e áreas específicas para acoller a área termal de Ourense, mostra do noso compromiso co termalismo na cidade e na provincia.

Que peso ten para Ourense no turismo nos derradeiros anos?

A cidade de Ourense é tamén estratéxica para o turismo de Galicia. E o é cada vez máis. Imos seguir colaborando na aposta por impulsar conxuntamente o termalismo, así como a Vía da Prata ou o Camiño de Inverno, itinerarios xacobeos que percorren Ourense. E de feito, a cidade de Ourense está a experimentar un importante incremento de viaxeiros como demostra que nos primeiros meses recibise máis de 52.000 viaxeiros que fixeron 95.000 noites. Son os datos máis altos dos últimos anos e de antes da pandemia. Aínda que o 83% da demanda turística da cidade é de ámbito nacional, o certo é que Ourense estase a converter cada vez máis tamén nun destino internacional.

Contenido patrocinado

stats