Presentador da TVG

Xosé Manuel Piñeiro: ‘Comando Chef’ foi unha experiencia moi gratificante e agradable’

 Xosé Manuel Piñeiro. (Foto: Arquivo)
O presentador Xosé Manuel Piñeiro, que esta noite aparecerá como convidado do ‘Comando Chef’, destaca a frescura do programa e do equipo e a capacidade de improvisación do cociñeiro, ao que define coma ‘un auténtico xenio’.
O popular e querido presentador de televisión Xosé Manuel Piñeiro, que cada tarde conduce o exitoso programa ‘Acompáñenos’, será o convidado desta noite do programa ‘Comando Chef’, que esta noite se emite na Televisión de Galicia. O presentador compartiu con nós a súa experiencia.

¿Cal foi a reación do anfitrión?

Creo que foi de alucine, sobre todo cando viu que lle tomaban a casa por asalto. Eu cheguei un pouco máis tarde e, aínda que xa estaba posta en antecedentes, púxose moi contenta ao ver aparecer unha persoa á que admira, e cuxa traxectoria leva seguindo durante anos. O factor sorpresa neste programa é total.

¿Como foi a velada?

Moi agradable. Tanto o equipo, como a señora e o gancho eran xente moi agradable, polo que me sentín moi a gusto. Para min tamén foi un encontro entrañable porque eu xa coñecía á señora de cando estaba no ‘Supermartes’, pois xa entonces era unha gran seguidora miña. A compaña era moi grata, polo que aos dous minutos xa me sen tía coma se fora da casa. Xerouse unha gran proximidade e non parecíamos dous extraños.

¿Que lle aportou esta experiencia?

Estar do outro lado. Normalmente eu son o que conduce un programa e a xente que participa comigo son os meus convidados. Neste caso os fíos eran movidos por outros e eu tiña que deixarme guiar, aínda que este é un formato con moita frescura e non está apenas guionizado. Tiven a oportunidade de traballar nun equipo e nun programa que non son os meus e eso sempre é unha experiencia moi gratificante.

En relación ao cociñeiro, ¿qué lle parece a súa capacidade para elaborar o menú cos ingredientes que atopa na casa do anfitrión?

Sen dúbida, o cociñeiro é fantástico. Eu son de Allariz, onde André Arzúa ten o seu restaurante e, aínda que si estiven no establecemento, nunca tivera a oportunaidade de degustar os seus platos. Verdadeiramente é incrible a súa capacidade de reación; como nun momento, asaltando a neveira e a despensa dunha casa descoñecida é capaz de argallar tales platos, que son verdadeiras delicatessen. A isto hai que engadir que a preparación dos platos vai acompañada de altas doses de gracia e simpatía. En resumo, o que fai André Arzúa só o poden facer os auténticos xenios.

¿E coma se lle da a vostede o da cociña?

Fatal. Son o campión do mundo en abrir latas. Sempre tiven a sorte de que ou na miña casa me fixeron de comer ou comía no meu posto de traballo. Eu non teño ningún problema en comprar o que faga falta para elaborar o menú e, por suposto en escoller un bo viño, pero prefiro que a comida a fagan outros. Tamén boto unha man para recoller a mesa e lavar os platos se é preciso. A miña etapa de cociñeiro rematou cando estaba na universidade, un día que preparei calamares. Despois de levar todo o traballo, non serviron para comer e tivemos que marchar de restaurante e, dende aquelas, decidín que o meu non era o da cociña.

Tendo en conta a súa experiencia en televisión ¿onde cre que reside o éxito de ‘Comando Chef’?

En primeiro lugar na capacidade de sorpresa. O feito de que se grabe en tempo real e se vexan todas as reaccións dalle unha gran frescura ao programa. Por outro lado, no equipo: Isabel Blanco, André Arzúa e Rafa Durán, as caras visibles do programa, son xente moi amable, simpática e moi guapa, e xeneran moi bo rollo, algo que se transmite ao espectador. A Isabel coñézoa dende hai moitos anos e, ademais de guapa, é unha muller moi positiva que contaxia moi boas vibracións, o que fai que todo sexa moi sinxelo e gratificante, e iso traspasa a pantalla.

¿Volvería repetir experiencia?

Os formatos teñen un percorrido, polo que non sei se sería preciso que eu volvese aparecer en ‘Comando Chef’, pero, tendo en conta que para min foi unha boa experiencia, estaría encantado de participar. Ademais, sempre estou disposto a colaborar cos meus amigos, como foi o caso, porque me garantiza que vou estar moi a gusto.


Te puede interesar