Homérico Joyce

James Joyce.
photo_camera James Joyce.

A máis completa e brillante biografía de Joyce jamás escrita, na que o autor segue o rastro do escritor por Dublín, Trieste, París e Zurich e analiza as suas relacións con Yeats, Shaw, Eliot, Hemingway, Proust, Larbaud e Scott Fitzgerald.

Non é que a vida de Joyce fose esaxerada de máis, con todo fixo ben de cousas (á parte da obra, se cadra, máis importante do século XX), exiliado en Italia, Austria (Trieste daquela pertencía aínda ao imperio austro-húngaro), Francia, Suiza, fuxindo dunha Irlanda que se lle fixera cativa de máis. E non obstante foi quen de reconstruila, fachendeando que se Dublín desaparecía no futuro podería ser refeito a partir do Ulises.

Ese fito da novela universal de todos os tempos. Cunha xénese en paralelo coa vida de James Joyce (Dublín, 1982, Zurich, 1941).Desa vida ocúpase polo miúdo, como moi poucos biógrafos teñan feito de ninguén, Richard Ellmann. Nun libro publicado en 1959 e ampliado en 1982. Que agora volve presentar Anagrama (en traducción comprida de Enrique Castro e Beatriz Blanco) reeditando o  volume de 1991. Moi a tempo porque Joyce cada vez está máis vivo e, xa que logo, este libro, para Anthony Burgess, “a máis grande biografía literaria”, segue a ser de lectura obrigada. Non só para os “fans” de JJ senón –simplemente- para quen desexe ver como unha vida aparentemente rutinaria (o número de páxinas escritas por Joyce tampouco permite excesos; iso para outra xente) pode ser unha auténtiva novela cando o seu protagonista vén tocado pola xenialidade. Ese don ou “gift”, adobiado coa excentricidade que adoita acompañar ao xenio, que fai que cada encontro ou desencontro do seu propietario resulte en achádegos ben literarios. Libro, pois, para (case) todos. Non, desde logo, para quen teña medo ao seu volume (unhas mil páxinas máis as que inclúen bibliografía e índices, tamén os onomásticos), si, por suposto, para os amantes de Joyce, como quen isto asina, ou –sinxelamente- da literatura en estado puro.

Igualmente dos que pensan que unha boa biografía (aquelas, exemplares, de Stefan Zweig) é a que se pode ler cal se se tratase dunha novela. Eis o caso desta, a propósito de quen fixo saltar polos aires o concepto narrativo, cunha novela tan homérica . Por Homero, obviamente, tamén pola exclamación do “match-maker” da película de John Ford, “O home tranquilo”, cando ve o leito esnaquizado, despois da noite de bodas, que non fora, entre Maureen O´Hara e John Wayne. Homérico. Si.

Te puede interesar