Cinco tardes de teatro en Verín co regreso do Festival Entreculturas
TEATRO AMATEUR
Verín inicia este venres a XIV edición do Festival Entreculturas, que ofrecerá cinco representacións de grupos teatrais amateurs de outros tantos municipios ourensáns ao longo de 10 días
O evento está organizado polo grupo de teatro local La Caja de Pandora, e as primeiras obras serán “Arritmia”, dos ourensáns Oreteiro Teatro, o venres, 31 de xaneiro; “Coa Lingua Fóra”, do grupo de nais e pais da Universidade Laboral de Ourense, o sábado, 1 de febreiro, e “Arsénico por Compasión”, a cargo de Sofá Malva de la Sala Rosa, cuxos membros veñen da zona de Penouta, en Viana do Bolo, o domingo, 2 de febreiro. Todas terán lugar ás 19,00 horas no Auditorio de Verín.
A responsable de La Caja de Pandora, Emilia Somoza, lembra que esta iniciativa naceu na vila do Támega froito do labor da profesora de teatro María del Carmen Varela, xa finada, e ao continuar o seu legado “estamos a honrar a súa memoria”.
Somoza fai un chamamento á veciñanza para que asista e valore o “esforzo humano” de tódolos intérpretes, ningún deles profesional.
Segunda fin de semana
A XIV edición complétase coa obra “Alimañas”, dos barqueses Gargallada Teatro, o sábado 8 de febreiro. O grupo verinés anfitrión estreará un ano máis a súa nova obra no festival, “O Atranco”, o domingo 9 de febreiro, sobre unha persoa que vai ser desafiuzada dun bo piso nunha cidade, e que decide vender o inmoble con ela aínda dentro, e que combina humor e retranca.
As entradas para as obras teñen todas un prezo único de 5 euros, e están xa á venda en Carlin Verín e un par de horas antes de cada función no Auditorio
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último