Verín convértese na capital do teatro escolar en galego
INTERCAMBIO TEATRAL DE INSTITUTOS
O Auditorio verinés acolleu representacións de alumnos dos institutos de Brión e do Ribeira do Louro, no Porriño, convidados polo Xesús Taboada Chivite local
A vila verinesa foi a escollida este venres por tres Institutos de Educación Secundaria (IES) galegos para realizar un intercambio teatral. Baixo o nome “Triunteatro”, co Xesús Taboada Chivite facendo de anfitrión, pasaron polo escenario do Auditorio alumnos do instituto de Brión e do IES Ribeira do Louro, no Porriño, que representaron as obras teatrais que crearan no último curso, tal e como o Chivite fai dende hai unha década.
Esta iniciativa, froito da colaboración entre estes tres centros e os seus equipos de dinamización da lingua galega, acolleu a máis dun centenar de espectadores, coa presenza de estudantes dos centros convidados e máis do Chivite, así como do García Barbón de Verín, do IES Aquis Querquernis de Bande e tamén dos usuarios do centro ocupacional verinés.
David Rodríguez Rivada, profesor de Música do Chivite, presentou aos colexios participantes na xornada e detallou as obras que se representarían. Ademais tamén deu paso a tres vídeos con cancións de “Mil estrelas, musical de musicas”, a última obra musical do Chivite cun libreto orixinal escrito por el.
Mortadelo e Filemón
A primeira representación, “Ibáñez Cabaré”, é a quinta obra e o cuarto musical de “Teatro das Maniotas”, do IES de Brión, e está protagonizado por Mortadelo, Filemón, o doctor Bacterio e outros personaxes do finado Francisco Ibáñez, ao que rende sentido homenaxe. Este grupo teatral, creado no curso 2019-2020 por Loly Santos e Ari Álvarez, gañou o premio nacional de teatro escolar “Premios Buero”, representando en galego no Teatro Nacional de Madrid.
A continuación foi o turno de “Retrincos Teatrais”, a representación do Ribeira do Louro do Porriño, que incluiu fragmentos escollidos de catro obras: “Fausto”, de J. W. Goethe; “Nada novo na fronte”, de Eric M. Remarque; “Cranios privilexiados ou a crítica da razón perralleira”, de Carlos Santiago e Pepe Sendón, e máis “As alumnas”, de Paula Carballeira.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CIENTOS DE VECINOS
Los mayores son protagonistas en Albarellos con su XIV Xuntanza
REFORESTACIÓN EN MONTERREI
Galería | Numerosos niños reforestan A Caridade tras los incendios del pasado agosto
Lo último