Verín acollerá unha marcha polas rúas o Día da Muller

Femuro traballa coas mulleres rurais, cos cativos e a través das redes para reivindicar a igualdade

Imaxe de arquivo de actividades con mulleres rurais.
Imaxe de arquivo de actividades con mulleres rurais.

Os veciños da comarca de Monterrei concentraranse este mércores para reivindicar igualdade, no marco do Día Internacional da Muller. A cita será en Verín, cunha marcha que arrancará ás 12,00 horas dende a Praza do Concello para rematar na Praza Maior lendo un manifesto e realizando unha performance.

A cita está organizada polo Centro de Información á Muller da Mancomunidade, Femuro, o CDR Portas Abertas e Cruz Vermella. As entidades implicadas reivindicarán a igualdade entre mulleres e homes en todos os ámbitos.

Máis alá desta xornada, Femuro está realizando actividades coas asociacións de mulleres rurais e cos cativos. “Coas mulleres estamos facendo un vídeo reivindicativo, ademais de que temos organizadas unhas andainas nas comarcas de Monterrei, Ribeiro, Valdeorras e A Limia”, explican dende a Federación.

Esta entidade tamén está traballando cos cativos do CEIP Amaro Refojo na performance que realizarán o 8M na Praza Maior, así como con charlas de sensibilización neste centro e no CEIP Carlos Casares de Xinzo de Limia.

Este ano, Femuro centra as conferencias, a sensibilización en redes sociais e as súas actividades na corresponsabilidade, baixo o lema “Hai moito tempo que non varres a cociña” para “crear conciencia sobre a necesidade de establecer medidas que faciliten a conciliación da vida laboral e persoal”, conclúen.

Contenido patrocinado

stats