Victor Muñiz: "É a primeira vez que se fai unha actuación integral no Castelo de Monterrei"

photo_camera Victor R. Muñiz explica os traballos nos que están somerxidos. (Vídeo: C.C.).
O equipo de Breogán Arqueoloxía está traballando na Vila de Monterrei para facer sondaxes arqueolóxicas

Victor Rodríguez Muñiz (Ramirás, 1982) forma parte do equipo de Breogán Arqueoloxía, os encargados de dar forma a segunda fase do proxecto de recuperación da Vila de Monterrei. Realizan sondaxes nos edificios nos que se vai intervir para coñecer o seu estado e a súa historia.

 

Cal é o seu papel?

Estamos facendo sondaxes en varias zonas. O noso traballo consiste en certificar que pode haber, que tipo de elementos históricos garda, como é a construción, en previsión das solucións arquitectónicas que se formularán despois para recuperar os edificios. 

 

Onde están traballando?

Na porta norte e zona acuartelada, nunha torre e no que era o antigo concello. Comezamos na zona acuartelada, onde fixemos seis catas, son espazos vinculados coa xustiza de Monterrei. Estamos pendentes de intervir na torre, onde se vai facer un control arqueolóxico porque está chea de escombros dunhas obras nos anos 60, polo que de momento aínda non comezamos, para ver o vínculo que hai entre a torre e a muralla medieval. E actualmente estamos traballando no que era a casa consistorial de Monterrei, que se moveu a Albarellos a finais do século XIX, pero que estivo na fortaleza dende o XVI. O concello derrubouse nos anos 60 e nós xa temos toda a planta á vista para coñecer como se organizaba interiormente e cando desaparecera con exactitude. 

 

Van compartir isto coa veciñanza?

Si. O 18 de marzo temos programada unha visita guiada ás escavacións arqueolóxicas. Será ás 11,00 horas e é necesario inscribirse, gratuitamente, na oficina de turismo de Monterrei. Seremos eu máis Nieves Amado os que lle explicaremos aos participantes o que se está facendo na fortaleza. É unha maneira de achegar ao público a todos os traballos que se están facendo agora para dignificar Monterrei e darlle unha visibilidade a todas estas actividades e aos resultados que se están a obter nun ben que é de todos. 

 

Que é o máis interesante que viron ata agora?

Todo (riso). Algo moi interesante é o que hai debaixo do colexio de San Xoán, hai restos anteriores ao que agora vemos e é moi interesante. Sería bo continuar traballando alí, porque hai evidencias de niveis anteriores a época medieval. As sondaxes feitas alí agora están en fase de estudo. 

 

Este proxecto é o máis grande en Monterrei actualmente…

É a primeira vez que se fai unha actuación integral no Castelo, das outras veces eran cousas puntuais e pequenas. Tamén é a primeira vez que se concibe a Monterrei como unha unidade, algo que era moi necesario, para que sirva de punto de partida para dinamizalo e que se continúe recuperando a vila nos vindeiros anos. A organización dos traballos é moi boa, polo que a coordinación é moi importante.

 

Breogán xa traballou antes en Monterrei, cal foi a súa achega?

Efectivamente. Nós traballamos na zona dos fornos antigos, na zona do baluarte do sol que era un almacén de armamento, nunha das murallas e en toda a rúa principal. Cando se rexistrou a antiga calzada medieval nós encargámonos de escavalo enteiro para a súa documentación. Este lugar ten moito que amosar. n

Te puede interesar