Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre ofrecerán un concerto en Verín
MÚSICA TRADICIONAL GALEGA
O grupo que conforman Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre presentarán o seu cuarto disco xuntos no Auditorio da vila verinesa
O Auditorio de Verín prepárase para acoller o vindeiro 21 de decembro, ás 20,30 horas, unha actuación do grupo Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, que prometen encher o recinto da vila nunha velada dedicada á música galega.
Unha oportunidade para desfrutar en directo na localidade verinesa do novo traballo deste agrupación, que leva case unha década dignificando o son tradicional galego.
Con máis de 350 concertos e dez anos de traxectoria, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre aproveitarán a ocasión para presentar “Axúdame a sentir”, o seu cuarto disco en conxunto, co que convidan ao público a recuperar o valor de “sentir”, unha palabra que segundo eles “semella perderse na era dixital que vivimos”.
Xabier Díaz (A Coruña, 1969) é un cantante, investigador e compilador de música tradicional que formou parte do grupo Berrogüetto, entre outras bandas. “O que acontece nun concerto é algo único e irrepetible: extínguese ao pechar o pano, mais á súa vez, é unha chama que prende e segue quentando o noso peito durante moito tempo. Ás veces acompáñanos toda unha vida”, afirma.
Entradas xa á venda
As entradas para o concerto, no que colabora o Concello de Verín, xa están dispoñibles na web oficial Ataquilla.com.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último