O Bispado autoriza ó cura a oficiar 'provisionalmente' as misas, tra-la súa renuncia como edil

Antonio Fernández voltará cos seus feligreses de Piñor

Concentración de feligreses no adro da igrexa de Carballeda, o pasado domingo. (Foto: MARTIÑO PINAL)
Os veciños de Carballeda, Torcela, Coiras e A Corna amosaron onte a súa ledicia ó enterarse de que Antonio Fernández Blanco, o titular das catro parroquias citadas, no municipio de Piñor, voltará por fin o domingo a encargarse dos oficios litúrgicos. Esta decisión foi tomada polos responsables da Diócesis de Ourense, que tomaron en consideración a renuncia do sacerdote como concelleiro do PSdeG na Corporación de A Gudiña.
Tra-las conversacións mantidas con Antonio Fernández, monseñor Luis Quinteiro, administrador apostólico da Diócesis, resolveu 'confiarlle provisionalmente o exercizo do ministerio pastoral nas mesmas parroquias que tiña encomendadas', según apuntaron fontes do Obispado ourensán.


AGRADECEMENTO

Modesto Gómez, voceiro da plataforma veciñal de apoio ó retorno do cura, que fora suspendido por Quinteiro nas súas tarefas sacerdotais o pasado 13 de xuño, manifestou que 'estamos moi contentos pola resolución desta polémica e aínda que nos custe dicilo, agradecémosllo ó Bispado'. Deste xeito, os feligreses están dispostos a asistir ás respectivas misas nas igrexas parroquiais este domingo, tras dúas semanas sen facelo, como protesta pola marcha de don Antonio, 'se ben teremos que poñer en coñecemento da opinión pública algúns extremos que quedaron ocultos', matizou Modesto Gómez.

Pola súa banda, Antonio Fernández, amosábase na tarde de onte máis animado que en datas pasadas, 'pero aínda non quero facer declaracións', indicou. Nembargantes, si asegurou que 'irei a Piñor a dicir as misas, pero aínda teño que falar cos veciños para consensuar os horarios, porque nesta ocasión prefiro que sexan pola tarde e non pola mañá'. Unha modificación da que aínda non estaban enterados os seus feligreses, 'e xa que estamos acostumados ós horarios de sempre (a primeira misa é en Carballeda ás 10,00 horas), a xente pode despistarse', manifestou Modesto Gómez.

Fontes do Bispado sinalaron que tampouco coñecían as intencións do sacerdote encol do cambio de hora das misas, 'pero sempre é unha decisión das propias parroquias'.

Te puede interesar