Alcalde e técnicos asumen as alegacións ecoloxistas e descartan a construcción do polígono

O Bañiño de Punxín gaña a batalla a un parque industrial

Os ecoloxistas gañaron a súa batalla contra a delimitación de chan industrial en Punxín, ó ter en conta o Concello as alegacións formuladas por eles contra o borrador do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Os redactores da nova normativa urbanística do municipio, adaptada ás modificacións da Lei do Solo, contemplaban unha superficie de 30 hectáreas (300.000 metros cadradados) para zona empresarial na parroquia de Santo Estevo de Vilamoure.
As asociacións Adega, 'Amigos da Terra' e 'Matar por matar non' presentaron ante a alcaldía de Punxín, no pasado mes de xuño, un informe técnico, no que apuntaban a ubicación do parque empresarial a poucos quilómetros dos existentes en San Cibrán de Viñas, Carballiño e o previsto para Maside, nunha zona na que non existen accesos dende a estrada N-541, que cruza o municipio.

Ademais, os tres colectivos ecoloxistas alertaron sobre o impacto medioambiental que suporía o verquido de residuos industriais no cauce do río Barbantiño, onde a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil aprobou un proxecto de creación dunha área recreativa e de baño aproveitando o manancial termal de O Bañiño.

Finalmente, o alcalde, Alfredo Cruz, convocou unha xuntanza co equipo redactor do PXOM, técnicos municipais e o grupo municipal de goberno, 'na que acordamos desbotar a posibilidade de reservar solo para empresas na zona de Santo Estevo, atendendo ó escrito dos ecoloxistas', sinala o rexedor socialista.

Alfredo Cruz recoñece que 'ó estar preto doutros parques empresariais, non tiña moito sentido, pero tamén estamos na obriga de defender O Bañiño como un dos atractivos de Punxín (xunto co castro de Lás), sobre todo polo investimento do proxecto da Confederación, que ascende a 1,35 millóns de euros'. Pola súa banda, os ecoloxistas valoraron 'a sensibilidade do alcalde para a preservación do rural e do turismo'.

Te puede interesar