SEGURIDADE

Os bolardos frearán o acceso de coches ás zonas peatonais

carballino_vieitez_result
photo_camera Vehículos estacionados na rúa Perfectino Viéitez, unha das peatonais.

O goberno municipal prevé a implantación dunha zona azul gratuíta no primeiro semestre de 2018

A recuperación para paseo das rúas peatonais do casco urbán e a implantación dunha "zona azul" de estacionamentos gratuítos son dous obxectivos prioritarios da Concellería de Tráfico do Carballiño para os vindeiros meses. Neste sentido, o Concello vai encargar a reposición dos bolardos que sufriron avarías nas devanditas rúas, concretamente, no caso de Perfectino Viéitez, Paseo e a baixada ó barrio de Flores, a fin de evitar a entrada de automóbiles.

O concelleiro delegado de Tráfico, Adolfo Nogueira, indicou, ó respecto, que "na vindeira semana reunireime cos veciños de Flores, a fin de entregarlles os mandos respectivos que deben utilizar para a baixada dos bolardos e así poder acceder cos vehículos ós seus garaxes". Una xuntanza que tamén levará a cabo o edil cos propietarios da rúa Perfectino Viéitez, a que máis padece a invasión de vehículos non autorizados, xa que sí se permite o acceso a transportistas de empresas no horario fixado para carga e descarga.

Así mesmo, o plan de restricción para a circulación chegará á rúa do Paseo, na que está prohibido calquera tipo de entrada de vehículos, xa sexan comerciais ou non, pero que sí acceden dende a avenida Conde Vallellano debido á ausencia de pivotes de detención. Por outra banda, Adolfo Nogueira amosou a súa intención de convocar ós representantes de tódolos grupos da Corporación municipal para a creación de "zonas azuis" para estacionamentos gratuítos, pero regulados no tempo, en diferentes puntos do casco urbán.

"Teremos que buscar un deseño de aparcamentos que sexa do agrado de todos para poder ser consensuado", apuntou o concelleiro socialista. Este plan abarcaría as rúas da contorna da Praza Maior, como son Aldara, Carreira, Faustino Santalices "e algún tramo da avenida Rodríguez Soto", indicou Nogueira.

O Concello carballiñés pretende que o acordo entre as formacións políticas permita que o sistema de estacionamentos poida estar xa implantado no primeiro semestre do ano vindeiro. 

Te puede interesar