Os ‘Cabaleiros do Mosteiro’ reivindican a recuperación do antigo castro celta


A asociación cultural ‘Orden dos Cabaleiros do Mosteiro’ reunirase o vindeiro 17 de outubro na súa primeira asamblea xeral, a fin de establecer un programa de actividades co obxectivo da posta en valor do patrimonio histórico artístico e etnográfico da comarca do Carballiño e do resto de Galicia.
Nesta xuntanza, ‘participarán os 35 asociados que temos rexistrados ata o momento, así como representantes de departamentos da Xunta, Obispado, concellos e expertos no eido patrimonial’, sinala o presidente da entidade, Xosé Moleiro. Entre os temas que debatirán os ‘cabaleiros’ destaca o estado de elaboración do proxecto de acondicionamento do mosteiro do século XIII que dá nome á localidade situada na parroquia carballiñesa de Lobás, e que están a levar a cabo técnicos de Patrimonio.

Limpeza

Outro aspecto que reivindicarán os asistentes á asamblea é a solicitude de limpeza do castro celta de Mosteiro, ‘xa que foi seleccionado pola Xunta para a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC)’, apunta Xosé Moleiro. Neste sentido, o presidente do colectivo manifesta que ‘o aspecto de abandono do recinto, cos piñeiros estragando os muros da construcción castrexa, non é o máis axeitado para presentar os visitantes que se achegan ó Carballiño’.


Te puede interesar