San Amaro

Os colexios serán obxectivo prioritario do castro de Las

uploaded_ciudad_result
photo_camera Un grupo de visitantes facendo un percorrido polo castro de San Cibrao de Las.

O parque arqueolóxico castrexo ofrecerá no verán visitas gratuítas, teatro, astronomía e talleres

 Atraer a atención dos centros educativos de Galicia é un dos principais objectivos do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa (PACC) de San Cibrao de Las (San Amaro-Punxín) e, con tal motivo, a xerencia suscribiu convenios coas federaciós provinciais de asociacións de pais de alumnos dos colexios públicos de Ourense e Pontevedra. Deste xeito, os nenos de ambas provincias poderán visitar o PACC a baixo prezo, grazas ao acordo.


Non son as únicas accións encamiñadas a que os escolares coñezan a cultura castrexa, xa que tamén está programada unha reunión informativa para o mes de setembro dirixida aos mestres de toda Galicia co fin de que coñezan e analicen as novidades na oferta didáctica e a valoren como complemento das clases regradas impartidas. Durante unha xornada os mestres poderán participar de forma gratuíta do novo programa didáctico, no que se está a traballar na actualidade, e que inclúe un horto castrexo ou a posibilidade de realizar o programa no propio centro escolar grazas ás "Maletas didácticas do PACC".


Coa vista posta no vindeiro verán, a última fin de semana dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro as visitas guiadas serán gratis coa entrada ao parque. É recomendable facer reserva previa, xa que o aforo é limitado. Ademais, estas visitas teñen un compoñente temático, xa que cada mes afondarase nun aspecto da cultura castrexa. Xuño estará adicado aos castros da contorna como Laias ou San Trocado; xullo, á cerámica; agosto versará sobre a auga e en setembro, as colleitas e o viño.
Tamén entre xullo e agosto, en colaboración con Renfe e Inorde, o PACC participa no programa “Galicia a todo tren” que fai un percorrido con guías especializados polo patrimonio galego. O 8 de agosto realizaranse diferentes actividades relacionadas coa astronomía e con aínda fecha por concretar está prevista unha visita teatralizada polo castro.

Te puede interesar