O servizo poráse en marcha no verán de 2011, coa incorporación de Ribadavia, Melón e Avión

O Consorcio aproba o parque de bombeiros para A Uceira

Terreos do polígono industrial da Uceira reservados para o parque de bombeiros. (Foto: Martiño Pinal)
O pleno do Consorcio do Parque Intercomarcal de Bombeiros de Carballiño-O Ribeiro vén de aprobar na súa última reunión, celebrada o pasado luns, o proxecto para a construcción do edificio que albergará toda a infraestructura deste novo servizo no polígono carballiñés da Uceira, cun orzamento de 750.000 euros. En vindeiras datas, a Sociedade Pública de Investimentos licitará a obra e, según adiantou o presidente do consorcio e alcalde de San Amaro, Ernesto Pérez, 'as previsións da Xunta apuntan a que este novo servizo esté operativo a mediados do vindeiro ano, é dicir, cara ó verán do 2011'.
Na mesma sesión plenaria do consorcio tamén se acordou a adquisición dun vehículo que non estaba previsto no proxecto, un camión dotado dunha escada de 32 metros de altura apto para acceder a edificios de oito pisos, e que beneficiará a atención de emerxencias no casco urbán do Carballiño. Ademais, os representantes municipais, provinciais e autonómicos deron o visto bó para mercar unha furgoneta apropiada para actuar na extinción de inmobles en núcleos de poboación con accesos estreitos.


INTEGRACIÓN

Por outra banda, nesta mesma reunión, os asistentes ó pleno foron informados da solicitude presentada polos Concellos de Ribadavia, Melón e Avión para integrarse no consorcio, un trámite para o que será necesario introducir unha reforma nos estatutos que rixen o funcionamento da entidade. O motivo é que nos estatutos do consorcio só estaban contemplados como membros Carballiño (por ser sede do parque), Carballeda de Avia e as mancomunidades carballiñesa e do Ribeiro, mentres os tres municipios citados non figuraban ó non ser integrantes desta última. Unha vez que se formalice a adhesión dos tres concellos, no futuro Parque Intercomarcal de Bombeiros estarán integrados a totalidade dos 19 municipios das dúas comarcas.

A posta en marcha deste parque de extinción de incendios urbáns leva un retraso de seis anos, debido ás diverxencias de criterio entre os gobernos autonómicos (de Manuel Fraga e Pérez Touriño) e os concellos afectados que están gobernados polo PSOE, polo sistema de financiamento. Así, mentres os 'populares' deseñaron un reparto final dos custes entre Xunta, Deputación de Ourense, as dúas mancomunidades e os municipios, o Bipartito plantexaba un aporte equitativo entre os entes autonómico e o provincial, que foi rexeitado pola actual Consellería da Presidencia.


XESTIÓN

O presidente do consorcio, Ernesto Pérez, comentou que non hai cambios na dotación humana do parque, que manterá a inicial de 18 bombeiros. Un tema que aínda quedou sobre a mesa para unha decisión posterior por parte dos representantes neste organismo é o método de xestión dos servizos, xa que existen dúas alternativas posibles: a xestión directa a cargo do consorcio, ou a adxudicación desta a unha empresa privada ó traverso dun contrato administrativo.

Te puede interesar