Cada un dos Cada un dos 178 establecementos abertos no municipio pode acoller unha media de 78 veciños

A construcción reduciu a súa actividade no Carballiño coincidindo co auxe da hostelería

Locales de copas no contorno da Praza do Emigrante do Carballiño. (Foto: Martiño Pinal )
A ‘crise do ladrillo’ reduxo a actividade do sector da construcción e industrias afíns a 268 empresas no Carballiño nos últimos cinco anos. Pola contra, o número de locales de hostelería incrementouse nun 6,6% no mesmo periodo.
O municipio do Carballiño retrocedeu na súa actividade industrial e de construcción un 15,2% entre 2003 e 2008, de maneira que as empresas en servizo destes dous sectores eran 268 o pasado ano polas 315 existentes hai un lustro, según os datos publicados no anuario de ‘La Caixa’ correspondente á edición deste ano.

Nembargantes, o sector da hostelería -que inclúe bares, cafeterías, restaurantes e hoteis- experimentou un incremento nese mesmo periodo de tempo ata chegar no 2008 a un total de 178 establecementos, o que representa unha cifra dun 6,6% de crecemento. Ademais, tendo en conta a poboación empadroada no Carballiño -perto de 14.000 habitantes- resulta que cada un dos negocios hosteleiros pode acoller a unha media de 78 veciños. O auxe deste sector mantense equilibrado no presente ano, xa que a pesares do peche de media ducia de locais, outros tantos abriron as súas portas na vila.

Telefonía

En canto a actividade comercial minorista, permanece practicamente inalterable, xa que só se contabiliza unha actividade menos, 459 locales comerciais en 2008 fronte as 460 do ano anterior. Por outra banda, o anuario recolle as variacións no parque móbil ou nos teléfonos fixos, que experimentaron importantes aumentos. Neste sentido, a telefonía fixa pasou de 5.662 liñas en 2007 ás 6.151 do pasado ano, é dicir, un aumento dun 10%.

No caso dos vehículos, o padrón municipal de Carballiño pasou dos 10.055 que estaban rexistrados en 2007 ós 10.607 que se contabilizaron en 2008, dos que 7.769 son turismos. A crise tamén incidiu na porcentaxe de persoas inscritas nas listas do paro sobre a poboación total, pasando do 5,8% de 2007 ó 6% no 2008, unha cifra que representa tan só medio punto por enriba da media galega, calculada nun 6,5%.

A xestión municipal está orientada a crear emprego

O desmantelamento parcial das factorías máis importantes ubicadas no parque empresarial de Seoane, no Carballiño, repercutiu nun incremento nas listas do paro na comarca. ‘Xente xoven que traballaba nestas industrias non tivo máis remedio que recurrir ó emprego temporal, sobre todo no sector da hostelería’, apunta un representante da Asociación de Empresarios de Hostelería.

Outros optaron por montar o seu propio negocio coa axuda de socios, ‘pero aquí hai que ter as ideas claras e tratar de ser competitivo, porque hai certa saturación de locais, sobre todo dos dedicados á movida das fines de semana’, comenta o xerente dun ‘pub’.

O alcalde, Carlos Montes, considera que ‘unha das ofertas laborais que ten Carballiño é no sector hosteleiro, que se mantén a pesares da crise pero haberá que buscar fórmulas para a súa potenciación e promoción orientadas ó turismo gastronómico e de aloxamentos’. O rexedor lembra que ‘un dos obxectivos do goberno municipal é crear emprego mediante a formación e a instalación de novas empresas’.


Te puede interesar