Presidente de 'Rillamillas'

Darío Rodríguez: ‘O mellor do sendeirismo é o clima de convivencia’

Darío Rodríguez. (Foto: Martiño Pinal)
Veciños e visitantes poderán participar iste domingo nunha andaina no Carballiño.
O Clube de Sendeirismo ‘Rillamillas’, que preside Darío Rodríguez, encárgase por segundo ano consecutivo da organización da Andaina Vila do Carballiño, que se celebrará o vindeiro domingo coa colaboración da Concellería de Deportes e a comisión das festas patronais. Con esta actividade, os sendeiristas retoman o seu programa tra-la época estival.

Como xurdiu unha asociación deste tipo na comarca?

Eramos un grupo de afecionados a camiñar e hai nove anos decidimos constituirnos como colectivo estable, que conta na actualidade con 30 socios pero que ten un bó poder de convocatoria á hora de promover rutas ó longo de todo o ano. Neste periodo de tempo organizamos andainas tanto na comarca carballiñesa como noutros puntos da xeografía galega, como O Courel, Forcarei, O Candeán, entre outros, e tamén en Portugal.

Que datas elixen para estes percorridos?

Nós xuntámonos cada dúas semanas un domingo na estación de autobuses do Carballiño, ás 9.30 horas, e dende alí partimos en automóviles ata o inicio do itinerario fixado. O programa só se interrumpe para disfrute das vacacións nos meses de xullo e agosto, as festas do Nadal e Semana Santa.

Cales son os obxectivos de promoción destas rutas?

É fundamental conxugar o aspecto deportivo a nivel de mantemento da saúde física dos participantes co cultural, xa que sempre tentamos incluir nos nosos roteiros áreas de paso na que a paisaxe natural e os monumentos históricos e artísticos teñan interés para os camiñantes, e poidan coñecer paraxes que cecais nunca tiveron a oportunidade de visitar. Nembargantes, o máis importante é o fomento da convivencia entre as persoas que nos acompañan e que moitas veces non tiñan contactos con anterioridade, en definitiva, pasar unha xornada agradable.

A vindeira cita é unha andaina por terras carballiñesas.

Si. Será na xornada deste domingo 6 de setembro e cun percorrido de 25 quilómetros con saída e chegada no pavillón polideportivo Paco Chao. Sairemos ás 9.30 horas seguindo un itinerario por Veiga, A Saleta, Ponterriza, Miomás, Sagra, Barón Partovia e Mesego, pasando polo Camiño dos Arrieiros. A inscripción péchase o venres e hai que abonar oito euros, que dá dereito a avituallamento e agasallos.


Te puede interesar