O delegado da Xunta recibirá ós pais, que onte rexeitaron nunha manifestación os criterios técnicos

Educación informa en contra da implantación da xornada continuada no colexio público

Os pais estiveron arropados polos seus fillos no acto da Praza Maior. (Foto: Martiño Pinal)
Un informe da Consellería de Educación descarta a implantación da xornada lectiva continuada no colexio público Calvo Sotelo do Carballiño, alegando un meirande custe no servizo de transporte dos alumnos. Os pais rexeitan istes criterios técnicos e xunto cos seus fillos protagonizaron un acto de protesta na Praza Maior da vila ó mediodía de onte. Agora están pendentes dunha entrevista co delegado da Xunta o vindeiro día 30, ‘e se non asume as nosas reivindicacións solicitaremos o apoio da Corporación’.
Medio cento de alumnos e alumnas do colexio público Calvo Sotelo do Carballiño, acompañados dos seus pais, protagonizaron ó mediodía de onte un acto en reivindicación da xornada lectiva continuada. A pesares da choiva, estiveron concentrados durante media hora na Praza Maior da vila e exhibiron pancartas cos lemas ‘Xornada continuada, xa’ e ‘Pedimos dereito a voto’.

A manifestación estaba convocada antes de que a dirección do centro recibira un informe da Consellería de Educación que é desfavorable á implantación do horario único polas mañás. Nesa comunicación oficial, os técnicos do departamento autonómico alegan que o cambio da xornada partida -mañá e tarde- a que solicitan os pais implican un meirande custe no servizo de transporte dos rapaces.

‘Iste informe é absolutamente indefendible, xa que tendo en conta que a xornada continua permite aforrar catro autocares de ida e volta ó Carballiño tódolos días da semana, resulta ridículo e esperpéntico que iso supoña un gasto maior no transporte’, sinala Ricardo Paz, voceiro da comisión de pais. Así, estes esixen que Educación ‘emita un informe favorable a que continúe o proceso iniciado para a implantación da xornada única, o que permitiría que os pais podan tomar unha decisión democratica encol do actual sistema ou do que nós propoñe mos cara o vindeiro curso’.

Os representantes dos pais manterán unha entrevista o vindeiro día 30 co delegado territorial da Xunta, ‘e confiamos en que Rogelio Martínez deixe de ser un impedimento para o exercicio dos nosos dereitos’. Ricardo Paz adiantou que ‘no caso de non obter unha reposta positiva, imos solicitar o amparo dos grupos políticos da Corporación municipal do Carballiño para que nos apoien’. Ademais, a comisión ‘está disposta a levar a cabo outras medidas de presión ante as autoridades’.

OS HORARIOS

’Non temos tempo nin para xantar’

As nais e pais de alumnos consideran que a xornada lectiva de mañá e tarde xenera estrés en tódolos integrantes da unidade familiar. ‘Non é normal que as clases comencen ás 10.15 e que rematen ás 13.45 horas e logo os rapaces teñan que estar no centro de novo entre as 15.15 e as 17.15 horas’, sinalan os pais defensores da xornada continuada. ‘Entre que imos recoller os nosos fillos máis pequenos, ata que chegamos a casa e temos que levalos de novo, case non hai tempo para o xantar’, apunta Adolfo Nogueira, un dos titores afectados. Neste sentido, engade que ‘o mellor sería a implantación dun horario entre 9.00 e 14.30 horas, coma está establecido noutros centros de ensino, e que posibilita ós rapaces calquer tipo de actividade complementaria polas tardes’.



Te puede interesar