A Federación Veciñal oponse á planta de compostaxe

A xunta directiva da Federación Veciñal do Carballiño, que agrupa a 20 colectivos cidadáns do municipio, acordou da-lo seu apoio á plataforma recén constituida por veciños das localidades afectadas polo proxecto de construcción dunha planta de compostaxe en San Cristovo de Cea.
Na reunión, celebrada na noite do pasado luns e á que asistiron os seis delegados da federación, decidiuse por maioría de cinco a un solidarizarse cos opositores a dito proxecto. A favor votaron os representantes das asociacións de Arcos, Santa Uxía de Lobás, Torrón, Madarnás e Mudelos, mentres a presidenta do colectivo 'Camiño', da vila do Arenteiro, Otilia González, amosouse en contra. O presidente da federación, Manuel Reboredo, do Torrón, transmitiu este acordo ós integrantes da plataforma, da que forman parte veciños de Seoane (Carballiño), Mundín e Garabás (Maside) e San Facundo (Cea).

Iste é o segundo posicionamento de carácter social en contra da instalación da planta de compostaxe, tra-lo anuncio feito por parte da directiva da Asociación de Comerciantes e Empresarios do Carballiño (ACEC), o pasado mes de setembro. José Mosquera, voceiro da plataforma, indicou onte que 'estamos á espera de que a empresa promotora do proxecto, Compost Galicia SA, nos dé unha resposta encol do seu compromiso de revisión dos planos catastrais, unha vez que os terreos explanados invadiron un camiño público'.

Te puede interesar