IMPOSTOS

Maside reduce o imposto aos terreos que son urbanizables

<p></p>
photo_camera O Concello de Maside realizará a revisión da cota tributaria do IBI.

O Concello aplica unha sentenza xudicial que se aplicará a un millón de metros cadrados

Os propietarios de terreos clasificados como urbanizables no planeamento urbanístico de Maside pagarán menos no recibo de IBI. Esa foi a conclusión da reunión que mantiveron na pasada semana o alcalde de Maside, Celso Fernández, e os técnicos municipais cos representantes do Ministerio de Economía e técnicos de Catastro. O obxectivo da reunión era dar cumprimento ao disposto na la Lei 13/2015, do 24 de xuño de Reforma da Lei Hipotecaria e do texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario, aprobada trala sentenza do Tribunal Supremo de 30 de maio de 2014.

Deste xeito, iníciase neste ano a revisión da cota tributaria do IBI (Imposto de Bens Inmobles) de todas as propiedades que teñen a consideración de urbanizables, e que en Maside suman máis dun millón de metros cadrados.

Trátase de modificar a valoración destes terreos que non se converteron aínda en urbanos. Así, os inmobles que teñan esta consideración aplicaráselles unha valoración diferenciada en función da súa localización, próxima aos clasificados como rústicos, e deixarán de ter a valoración de urbanos. Sinala o alcalde que “no caso de Maside a valoración baixa de tal xeito que, unha vez aplicado o tipo, a cota tributaria vai situarse aproximadamente nos 2 céntimos por metro cadrado no recibo”.

Poderíase dicir, tal e como sinala o rexedor municipal, que se constitúe un terceiro tipo de bens inmobles situado entre o rústico e o urbano no tocante á valoración catastral a cal se leva a cabo tendo en conta as expectativas urbanísticas. Por iso os módulos se calculan en función da súa localización.

Celso Fernández sostén que “non nos parecía xusto que uns terreos clasificados como urbanizables, pero considerados como rústicos mentres os propietarios non acometen as obras de urbanización dos mesmos, tivesen, sen embargo, a consideración de urbanos á hora de pagar o imposto; o que é branco para unhas cousas débeo seguir sendo para as outras". E engade que “da mesma forma, non estamos de acordo coa valoración que fai a Xunta dun mesmo ben cando se trata de valoralo para a súa expropiación ou cando se valora para o imposto de transmisións: miserias no primeiro caso e un prezo abusivo escandaloso no segundo”. Anuncia que solicitará á FEGAMP a súa mediación porque é un problema do territorio galego, que afectou moito a Maside polas expropiacións dos últimos anos.

Te puede interesar