premios

Miguel García, Elixio Villaverde e Docampo, Premios Arenteira 2019

O xurado destacou a gran participación de asociacións e colexios á hora propoñer aspirantes aos galardóns

Os Premios Arenteira que promove o Aparthotel Arenteiro do Carballiño, otorga os galardóns desta oitava edición na modalidade de Ciencia a Miguel Ángel García e en Deporte a Iván Docampo, ademais do recoñecemento a Título Póstumo a Elixio Villaverde. O acto de entrega celebrarase o próximo 29 de novembro, ás 20,30 horas, nas instalación do Aparthotel Arenteiro.

Uriel Bernárdez, xerente do Aparthotel Arenteiro, e Xosé Luis Sobrado, presidente do xurado, presentaron onte o evento, agradecendo a participación de asociacións de todo tipo e colexios  das comarcas de Carballiño e O Ribeiro, que son os encargados de facer as propostas de candidatos aos premios, que finalmente  falla o xurado, segundo os votos que recibe cada un deles.

Uriel Bernárdez expresou a súa satisfacción por alcanzar a oitava edición do premio e facelo cun incremento notable na participación das entidades colaboradoras, que se volcaron nas propostas e votacións. Foron un total de 40 votos, que supuxo o 90 por cento dos posibles receptores da iniciativa. Sinalou que a convocatoria está superando as expectativas ano tras ano.


Incremento


Xosé Luis Sobrado transmitiu a satisfacción do xurado "ao ver que se incrementa o número de entidades que se volcan cada ano con este galardón", destacando un aumento moi significativo nesta edición por parte da comarca do Ribeiro. 

Sobrado glosou os méritos de cada un dos galardoados. Así, de Miguel Ángel García destacou o labor que leva realizando desde hai 35 anos coa recollida de datos na estación meteorolóxica do Carballiño, situada no Instituto Chamoso Lamas. "É o noso home do tempo", sinalou, referíndose ao profesor de Física e Química, que foi Premio Nacional de Meteoroloxía e que segue aportando información "valiosísima para a zona". 

De Iván Docampo, deportista de Ribadavia, referiuse José Luis Sobrado aos premios que recibiu en probas de cross e media maratón, a nivel de España e de Galicia, considerando que é un referente de "esa xente que coa súa constancia chega as metas".


Investigación


Sobre Elixio Villaverde significou o seu papel de investigador da comarca do Carballiño, especialmente da emigración a México sobre a que fixo a súa tese doutoral, pero tamén doutras vertentes históricas, como de personaxes que tiveron que ver coa Guerra Civil daqueles lugares onde estivo de profesor. Engadiu o historiador José Luis Sobrado que Elixio Villaverde dedicou unha longa parte da súa vida á investigación sobre todo "desta comarca".

Te puede interesar