Oito millóns en axudas das áreas empresariais

Pablo Fernández, José Luis Valladares e Gabriel Alén, onte no parque empresarial de Cea.
photo_camera Pablo Fernández, José Luis Valladares e Gabriel Alén, onte no parque empresarial de Cea.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou o parque empresarial de San Cristovo de Cea, acompañado do alcalde, José Luís Valladares, onde a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación investiu preto de 115.000 euros para a mellora da súa infraestrutura viaria e 78.511 euros para a captación de auga do depósito contra incendios.

O delegado territorial anunciou que a Xunta vén de convocar un total de 8,35 millóns de euros para tres ordes de axudas destinadas á mellora dos parques empresariais galegos, co obxectivo de renovar e modernizar estas infraestruturas, favorecer a creación de novas compañías e empregos, así como impulsar a competitividade do tecido empresarial galego.

Así, resérvanse 3,25 millóns para a modernización de infraestruturas; 1,5 para impulsar actuacións para a construción, reforma ou equipamento interior de naves para crear un viveiro industrial de empresas e 3,6 millóns para o reforzo e extensión da rede de distribución eléctrica aos parques.

Te puede interesar