OBITUARIO

Manuel Vilanova, sempre en Ourense

20190306182813043_result
photo_camera O poeta Manuel Vilanova, nunha recente entrevista en Vigo.

O ourensán faleceu en Vigo, segundo informou a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)

Aínda que estivese enfermo, sometido a diálese e o que isto conleva, "Vicente, estou maliño, non sei se desta…" dicíame nunha das nosas derradeiras, e frecuentes, conversas telefónicas, Manolo Vilanova seguía a manter o tipo cun estoicismo ben chamativo. Tamén o poético do que dá testemuña, axiña estará na rúa, o seu libro -como laia dicilo- de publicación póstuma, 74 saudades para ascender ao ceo (Sial/ Pigmalión, Madrid, 2019).

Un libro intenso e tenso, todo un testamento poético, coa volta ás orixes. De maneira que Barbantes (onde nacera, en 1944) e Ourense (onde residira, en Capitán Eloy, e fixera o bacharelato) son os cernes deste libro cheo de tesouros e marabillas. Que coñezo ben poisque son quen o verquera ao castelán (a edición é bilingüe, con prólogo de Manuel Forcadela) e logo de lelo e relelo saín máis ourensán do que, “in pectore”, xa me sinto, por colaborar semanalmente neste xornal pero por moitos máis cousas.

E agora direi que poucos libros, A esmorga por riba de todos eles, tan de Ourense cal o testamento literario de Vilanova. Quen, intuíndo a proximidade da lurpia da gadaña, foi quen de desafiala botando man da memoria lírica. Os primeiros amores, as películas agora a proer nos ollos, Salomón y la Reina de Saba, a que máis, os partidiños de fútbol, os amigos (Nando Cabaleiro, nominado), o Paseo, O Posío, as Burgas.

Tanto Ourense –todo Ourense- na ollada, no alento dun home ao que lle queda pouco tempo e desenguedella a madexa da vida, ben vivida (vitalista como era) por Manolo. Para mín un dos poetas galegos en verdade grande. "De culto", se se quere. Mais esta denominación adoita acompañar a quen han ultrapasar a barreira do tempo. E cando saia, axiña, este libro, os ourensáns e os foráneos verán se teño ou non razón. Para Manoliño, católico exercente, o meu prego laico que desta volta quere soñar nas verdes pradeiras, tamén que a morte non é a fin no camposanto de Barbantes.

Manuel Vilanova nado en Barbantes (en 1944) ven de morrer, o 5 de marzo, en Vigo. Licenciado en Filoloxía Románica por Santiago de Compostela, doutourose en Madrid cunha tese sobre Luis Cernuda. Catedrático de Instituto de Lingua e Literatura Española deixa unha obra poética ampla, en español (a partir de Mejor el fuego (1972)) e en galego desde aquel memorable E direi-vos eu do mester das cobras. O seu testamento, poéticamente vital, no libro de inmediata edición: 74 saudades para ascender ao ceo. 

Te puede interesar