Un novo libro abordará a vida e obra de Antonio Palacios

O instituto de estudios carballiñeses presentou a Ágora do Orcellón, acordando publicar tamén a guía do Carballiño

O Instituto de Estudios Carballiñeses incorporou 12 novos socios, un dos cales, Alfonso Lizarzaburo (Perú), membro da Unesco en París, converteuse no novo asociado de honra desta entidade cultural, que xa suma un total de 310 de distintos países europeos e tamén de América.

O Casino do Carballiño acolleu o acto de presentación da revista Ágora do Orcellón, aínda que previamente tiña lugar a asemblea anual na que, entre outros proxectos, os asistentes acordaron promover neste 2024 a publicación de tres libros. Un deles será sobre o arquitecto da Igrexa da Veracruz, Antonio Palacios, con motivo do 150 aniversario do seu nacemento; tamén editarán unha guía do Carballiño e, por último, unha obra na que se aborda a creación dos primeiros títeres que se fixeron en Galicia.

Despois da asemblea, presentábase no concurrido salón de actos do Casino do Carballiño a 41 Ágora do Orcellón, na que se recollen un total de oito colaboracións. Ademais da introdución de Avelino Muleiro, presidente da entidade, Ignacio Morgado escribiu desde a neurociencia un artigo sobre unha nova técnica de manipulación con luz das neuronas cerebrales; Javier Sadaba sobre o maltrato animal; Xesús Gulías abordou a ubicación do castelo de Orcellón que sitúa en Brués (Boborás); Xulio Dobarro tratou a toponimia do Concello do Irixo; mentres Ramón Area escribiu un artigo de filosofía e psicosis; Marisa Castro sobre os cogomelos na literatura dos séculos XIX e XX; Fernando Ramos expuxo a súa experiencia periodística nas entrevistas realizadas a máis de 20 personaxes famosos e Gabriel de Ávila aportou unha historia fantástica e mitolóxica.

Moitos dos colaboradores asistiron ao acto, mentras que outros falaron dos seus artigos a través dun escrito ou en vídeo. 

En representación da Secretaría de Política Lingüística estivo Manoli Maseda e polo Concello do Carballiño, o concelleiro de Turismo e Promoción de Emprego, Manuel Dacal.  A presentación do acto correu a cargo da actriz Uxía Blanco, e contouse amén coa actuación musical de María do Ceo.

Te puede interesar