Un adulto foi a primeira 'víctima' da Concellería de Medio Ambiente, que aplica a ordenanza

Pagará 30 euros por facer as súas necesidades na rúa

A basura recollida tras un botellón.
A ordenanza municipal aprobada hai cinco anos pola Corporación do Carballiño para a protección dos espazos públicos, limpeza e retirada de residuos está a ser aplicada con todo rigor pola Concellería de Medio Ambiente, que dende hai case un ano dirixe o nacionalista Bernardo García Nóvoa. O último exemplo, a imposición dunha sanción a unha persoa que foi sorprendida mexando nunha céntrica rúa da vila.
Foi unha patrulla da Garda Civil a que se atopou, na madrugada do do mércores, con M.G.L., unha persoa adulta, aliviando a súa vexiga contra o escaparate dun establecemento comercial da avenida Julio Rodríguez Soto. Os axentes trasladaron o pertinente informe á Subdelegación do Goberno, quen, a súa vez, trasladouno ó Concello carballiñés, 'onde temos unha ordenanza que, no seu artigo 10 prohíbe realizar calquera operación que poida lixa-los espazos públicos', comenta Bernardo García. A sanción proposta para o infractor é de 30 euros, a mínima correspondente como falta leve.


BOTELLÓN

O edil de Medio Ambiente sinala que 'hai que poñer coto a este tipo de situacións, a meirande parte derivadas da práctica do botellón, e que están a suscitar queixas en moitas zonas da vila'. Bernardo García engade que 'tamén poñeremos man dura no uso indebido dos contedores, xa que estamos a detectar que particulares e comerciantes botan cartóns e plásticos nos reservados para o lixo orgánico'. Esta é a quinta sanción que impón o Concello do Carballiño por infraccións á citada ordenanza municipal. A primeira, no pasado mes de agosto, cando unha parella da Policía Local viu a un veciño da rúa Rosalía de Castro botando migas de pan ás pombas, e que tamén se saldou (ó non ser reincidente) con 30 euros de multa. Os outros tres casos de expedientes estiveron relacionados cos postos ambulantes na feira da vila.

A Policía Local detectou, ó remate do mercado do 30 de setembro, que os propietarios de tres tendas de venta ubicadas no casco urbán deixaron restos de caixas de cartón, plásticos e envoltorios sen recoller. A Concellería de Medio Ambiente aplicou o mesmo artigo 10 da normativa, con sendas multas de 30 euros.

Te puede interesar