O pavillón de deportes acolle atraccións para nenos no Nadal

A Concellería de Cultura e a empresa Programación Feiral Galega promoven para estas datas de Nadal o parque lúdico 'Carballiñolandia' no pavillón polideportivo do Carballiño. Dende o vindeiro sábado, día 24, e ata o 1 de xaneiro, as dúas pistas interiores do Paco Chao acollerán 5.000 metros cadrados de atraccións, con horarios de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 horas e un prezo da entrada de 3,5 euros.
Un total de 14 hinchables, competicións de escalextric e de minigolf e un karaoke centran o programa de xogos, que se completa con talleres de maquillaxe, reciclaxe, broches, pulseiras e chaveiros a cargo de monitores da asociación Amencer de Ourense. Tamén haberá cabida para a instalación de postos de artesáns, promovida polo colectivo Agarimos do Arenteiro, e talleres de pintura e chocolate.


INAUGURACIÓN

O responsable da organización, Sindo Alonso, comentou que 'non se trata de copiar eventos similares da cidade, senón de apostar por unha serie de actividades para os rapaces da comarca e de fóra neste Nadal'. A inauguración oficial de 'Carballiñolandia' será o sábado, ás 11,30 horas, e o día 31 pechará ás 18,00 horas, abríndose a partir das 15,00 horas ó día seguinte. No exterior do polideportivo carballiñés tamén se ubicarán atraccións de feira, como autos eléctricos e tiovivos.

Te puede interesar