Os turistas terán a oportunidade de coñecer a piscifactoría

A Concellería de Turismo do Carballiño solicitou unha autorización á Consellería de Medio Ambiente para poder ofrecer unha xornada de portas abertas na piscifactoría que posúe este departamento autonómico á beira do río Arenteiro.
Os responsables do organismo que preside Agustín Hernández accederon a esta petición, e por iso o Concello carballiñés aproveitará as datas festivas da Semana Santa para a organizar unha visita ás instalacións acuícolas.

O concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, adiantou, neste sentido, que 'a xornada de portas abertas celebrarase o día 1 de abril, coincidindo co Xoves Santo, e penso que é unha boa oportunidade para que tanto os carballiñeses como a xente de fóra coñezan a piscifactoría'.

CAMPAÑA
O edil socialista engadiu que “temos que optimizar tódolos recursos turísticos cos que contamos, e a piscifactoría é unha gran descoñecida para moitos veciños e visitantes, e por iste motivo levaremos a cabo unha ampla campaña publicitaria dende a área que eu dirixo, para que tódolos interesados poidan disfrutar desas instalacións”. Manuel Dacal informará desta iniciativa ó colectivo de hosteleiros do Carballiño, nunha xuntanza que o seu departamento convocou para o vindeiro luns, día 22.

Ademais, tratarán na reunión a organización da segunda edición da 'Feira de Abril' e outras festas promovidas no 2009.

Te puede interesar