A mañá soleada de onte animou a Festa do Viño Novo de Cabanelas, que xuntou a numerosos comensais neste recuncho carballiñés da Denominación de Orixe do Ribeiro, o redor da boa mesa, máis enxebre ca nunca.

Para viño novo, Cabanelas

Os veciños que se encargaron de cociñar e servir a comida e o viño ós asistentes. (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
O pobo de Cabanelas, no Carballiño, celebrou a súa XVI Festa do Viño Novo. Un evento ó que hai que referirse como necesario, tendo en conta que se está a falar do recuncho polo que o Carballiño ten o privilexio de pertencer á Denominación de Orixe do Ribeiro. Alí, xa quedan poucos adegueiros, o envellecemento da poboación pon en perigo, segundo pasan os anos, a producción deste viño característico polo seu sabor forte, a densidade da súa textura e a sua intensa cor.
Ás once da mañá celebrábase unha misa na igrexa parroquial xa para dar paso a festa, eminentemente gastronómica, aínda que non faltou a música para amenizar en directo a xornada. A degustación gratuita do viño novo con castañas asadas ó mediodía acercou ós primeiros visitantes. Despois producíase un continuo ir e vir de xente, fundamentalmente do Carballiño e arredores, que aproveitaron a mañá soleada para degustar o viño, o pulpo, a carne o caldeiro, chourizos e os postres. É unha das celebracións máis enxebres deste Concello porque ofrece a gastronomía típica nun entorno paisaxístico envidiable e sin exceso de público. Curiosamente, pese o seu atractivo, moitos dos comensales non son precisamente do Carballiño senón que proceden das rías. Este ano repetiu a pandilla de Bueu, incondicional dende as primeiras edicións, e máis numerosa que nunca, xa que acudiron unhas cen persoas. Pero tamén se sumaron á festa veciños de Vigo, nada menos que dous autobuses de viaxeiros.

O alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, xunto con varios concelleiros tampouco faltaron á cita. O mesmo rexidor facía unha invitación ós veciños da vila a asistir, recoñecendo que aínda hai moitos que non coñecen esta festa pese a que xa cumpriu os 16 anos. É posible que si se masifica moito, entón acabe por perder o seu encanto.

O Concello confirmaba xa pola tarde a asistencia ó longo da mañá dun total de 650 persoas. A organización, a cargo dos veciños de Cabanelas, dispuxo de 500 litros de viño, 200 quilos de pulpo, 125 de carne, 35 de chourizos e 90 quilos de castañas.

Te puede interesar