Doce grupos e catro días enchen o Festival Rebulir de Ramirás

FESTIVAL INTERNACIONAL

Ramirás, Celanova e Ourense acollen a XIX edición adicada á muller rural

Isabel Gil, Alexandre Sotelino, Marcos Vázquez, Sandra Quintas, Carmen Pita e Jorge Cacharrón, onte na presentación.
Isabel Gil, Alexandre Sotelino, Marcos Vázquez, Sandra Quintas, Carmen Pita e Jorge Cacharrón, onte na presentación.

Doce grupos artísticos, e máis de 300 personas, actuarán no XIX Festival Internacional Rebulir (FIR). O evento, un dos referentes culturais de Galicia, desenvólvese dende o xoves ata o domingo en diferentes escenarios deOurense, Celanova e, principalmente, Ramirás.

Este municipio de Terra de Celanova é o berce deste colectivo que leva dúas décadas recuperando, promocionando e visibilizando a música e o baile tradicional e que adicará esta edición do seu festival máis mediático e internacional, á muller rural. Así, poñerá en valor o seu papel fundamental como pilar social e cultural no medio rural.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acolleu onte a presentación oficial na que Alexandre Sotelino, o director artístico do festival, destacou o “salto cuantitativo e cualitativo” desta edición, tanto no incremento de número de días e tamén de actos, con 300 participantes de 12 agrupacións, así como a calidade dos mesmos.

Asemade, Sotelino destacou “o forte impacto social e educativo deste FIR, deixando pegada en todos aqueles que dalgunha forma van ser partícipes” e agradeceu a implicación e colaboración de institucións públicas e privadas, empresas e colectivos.

CARTEL FIR 2024
CARTEL FIR 2024

Na presentación estivo presente a directora xeral de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, quen destacou “a posta en valor de Galicia como destino turístico grazas a iniciativas coma o FIR” e subliñou que “pon en valor o territorio e amosa o mellor da nosa tradición”.

Pola súa banda, a alcaldesa do Concello de Ramirás, Isabel Gil, agradeceu o traballo de Rebulir nestes anos, “un proxecto que fai que o noso concello se expanda por Galicia como marca de identidade, música e baile para o desfrute de veciños e xente de fóra”, dixo destacando o esfrozo dos concellos pequenos como Ramirás para potenciar a cultura e a tradición galega, con estes eventos, pero tamén coa vertente formativa que se desenvolve todo o ano.

A directora territorial de Cultura, Sandra Quintas, fixo mención á “oportunidade única” que ofrecen estes actos para intercambios culturais e tradicións. Pola súa banda, o director da área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez, destacou “a importancia da colaboración das entidades públicas e privadas para lograr un dos obxectivos: poñer a Ramirás cara o mundo”.

Programación

Dende o xoves ata o domingo, a programación de Rebulir inclúe exposicións, obradoiros, paneis, espectáculos infantís e foliadas, como as que hoxe á noite terá lugar en Celanova. Un dos momentos máis destacados do FIR será a entrega dos Premios Rebulir da Cultura Galega 2024 a Treixadura (música), Isabel Risco (artes escénicas,) e a Asociación de Gaiteiros/as Galegos/as (Homenaxe) e á comunidade emigrante galega en Catalunya, no marco da gala central do certame, prevista para ás 19:00 horas do sábado, no polideportivo de O Picouto e para o cal hai tempo que non quedan entradas e hai máis de 200 persoas en lista de espera.

PROGRAMA FIR 2024
PROGRAMA FIR 2024

A gala estará presentada por Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, e contará coas actuacións do grupo anfitrión Rebulir, a Escola Jogo Pau de Moita (Portugal), Leyendas de México e Mariachis V (México), Escontra’l Raigañu (Asturias), Academia Timorenses (Timor Leste) e Danses i Cançons Castalla (Comunidade Valenciana).

Contenido patrocinado

stats