A MIT presenta o libro “Tsunami”, que recibiu o Premio Abrente

Provincia

O autor Marcos Abalde participará no acto, que terá lugar ás 21,00 horas, no salón de plenos de Ribadavia

A organización da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia ten previsto hoxe un acto para a presentación do libro “O Tsunami”, que recibiu o 15º Premio Abrente e que foi editado pola Colección Abrente Textos Teatrais-MIT. Editorial Difusora.

O acto terá lugar ás 21,00 horas, no salón de plenos do Concello de Ribadavia, contando coa asistencia do autor Marcos Abalde, o director artístico da editorial, Xosé Lois Vázquez, a concelleira de Cultura, Paula Rodríguez e o director da MIT, Roberto Pascual.

Segundo o xurado que seleccionou este libro “a lectura deste texto supuxo a descoberta dunha voz propia que rescata da memoria un acontecemento real (a construción dun encoro artificial na explotación mineira das Pontes, o lago artificial máis grande de Europa, que se fixo para rexenerar unha antiga explotación de lignito) co que o autor é quen de construír unha reflexión tamén sobre a actualidade, descarnada, crúa, grotesca, sucia e decadente”.

Marcos Abalde Covelo como dramaturgo obtivo o Premio Josep Robrenyo por “Canibalismo”, o Premio Álvaro Cunqueiro por “A cegueira”, o Premio Marqués de Bradomín por “Xudite”, o Premio Bienal de Teatro Romaría Viquinga por “Saga de Iacobsland”, o Premio Varela Buxán por “Oito epitafios por Troia”, o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico por “Psicofonías” e o Premio Abrente no 2020.

Contenido patrocinado

stats