Un afiador ourensán no Ermitage

O cadro “El afiador” forma parte dunha colección que Antonio de Puga pintou sobre os oficios tradicionais.
Por máis que o seu nome soe popular debido a unha rúa no barrio do Couto e malia que non sexan poucos os ourensáns que saben da súa obra no museo ruso do Ermitage, a vida de Antonio de Puga constitúe un enigma que paga a pena contar

Se Antonio de Puga vivira, cousa impensable, o próximo domingo, día 13, celebraría o 420 aniversario. Pero non é esta -a do nacemento-, nin sequera a efeméride do seu óbito (acontecido tamén no mes de marzo, pero o día 10 de 1648), a razón pola que estes días fixei a mirada na súa obra máis recoñecida, “O afiador”, senón polo feito de que esta se conserve e sexa admirada nun dos santuarios da arte universal, o museo do Ermitage, estes días tan en entredito coma todo canto teña a máis mínima connotación rusa, por culpa do sátrapa que con man de ferro e mente de sicópata dirixe ese país dende hai máis de vinte anos e que en tan mala hora naceu, precisamente, na mesma cidade de San Petersburgo na que se atopa a obra do pintor ourensán.

Tal circunstancia levoume por un lado a querer saber máis sobre a vida de tan singular personaxe, así como a querer darlle contestación a como foi que o traballo dun ourensán do século XVII acabou a máis de catro mil quilómetros de distancia no, se cadra, principal santuario da arte plástica universal.

A resposta empezouma a dar o xornalista e historiador Santiago del Valle na Gran Enciclopedia Galega, onde asina unha completa aproximación biográfica ó fillo do xastre ourensán Antonio Puga e da tamén ourensá Ines Rodríguez, que na súa xuventude decide viaxar a Sevilla seguindo os pasos do seu irmáu Gregorio, prateiro de profesión e mordomo do capitan xeral dos exércitos de Andalucía, o Conde de Humanes, e introducíndoo probablemente nos ambientes artísticos da capital andaluza denantes de desprazarse a Madrid para poñerse ás ordes do círculo artístico do xa afamado Diego Velázquez e do xenro deste, recoñecido pintor tamén, Martínez del Mazo, e iniciar ó seu rebufo unha carreira artística chea de incognitas e especulacións debido a que tan só se conservan dous cadros asinados por el, o que ten levado a investigadores e especialistas a atribuirlle traballos que non saíron do seu taller co pseudónimo de “pseudo-pugas” e a perder, pola contra, outros moitos que posiblemente si fosen del.

Sexa como fose, gracias ás investigacións de, entre outros, Ferro Couselo e María Luisa Caturla, que deu coa súa partida de bautismo no arquivo da catedral de Ourense e cos dous testamentos que redactou en vida, e alén das dúbidas que poidan xerar algunhas obras, o caso é que aquel mozo que debeu empezar a riscar os primeiros trazos na xastrería ourensán de seu pai, hoxe conta con obra distribuída por pinacotecas tan dispares e prestixiosas coma o Bowes Museum de Inglaterra, o Museo Goya de Castres (Francia), o Museo de Ponce (Puerto Rico), o Museo da Historia de Berlín, o Sacramento de California, o Museo de Arte de Carolina del Norte, o Art Institute de Chicago, o de Paul Getti en Malibú ou mesmo a National Gallery de Londres, sen esquecer o Museo do Prado e, por suposto, o repetido Ermitage de San Petersburgo.

Curiosamente en Galicia practicamente non se conservan máis ca media ducia de cadros seus, catro no Museo de Pontevedra, un no de Ourense e outro na colección artística de Afundación.

Un amor serodio, un retrato de muller e unha viaxe “post mortem” a S. Petersburgo

A “anciana sentada” pertence ó Museo do Prado e “El bebedor” a Afundación.
A “anciana sentada” pertence ó Museo do Prado e “El bebedor” a Afundación.

Para aproximarse ó Antonio de Puga máis achegado, os investigadores beberon fundamentalmente dos dous testamentos que redactou. O primeiro deles dictouno cando só tiña 33 anos, ó ser vítima dunha grave enfermidade, e o segundo tan só un día denantes de falecer.

Neste último, o pintor apunta bastantes datos vitais, como que naquel momento contaba con taller propio, que posuía más de 1.600 gravados, que vivía na Calle Mayor, que a súa biblioteca tiña 132 volumes e 42 comedias, que ademais de obra propia contaba tamén con obra de varios artistas como El Greco ou Sánchez Coello, que lle debía “32 reales al yerno de Velázquez” e que lle legaba “30 ducados y una joya de su elección a Petronila de Navas”, viúva, “por el amor y voluntad que la tengo y deseos de satisfacerla parte de lo que la devo en aver acudido y estar acudiéndome en mi enfermedad tanto tiempo...”, palabras das que os investigadores desprenden algunha sorte de amor serodio e unha obvia convivencia entre ambos, aínda que o pintor nin casou nin tivo descedencia.

Feito o reparto testamentario, deixa como herdeira universal á súa nai Inés, a quen lle é atribuída a imaxe do retrato coñecido como “Anciana sentada” ou “La madre del pintor”, que é propiedade do Museo do Prado e está en depósito no Museo de Pontevedra.

Tanto a existencia deste retrato maternal como algúns outros datos testamentarios levan a pensar que Antonio de Puga debeu volver algunha vez -aínda que posiblemente non moitas- por Ourense.

A onde si que non só non viaxou senón que dificilmente podería ter pensado que alí chegaría algún día algún cadro seu, foi ó Museo do Ermitage, a onde o seu famoso “El afilador” chegarían entre 1814 e 1816, é dicir, máis de século e medio despois da súa morte.

Segundo se recolle nunha crónica sobre unha exposición que tivo lugar no “Prado” en 1981 con obras de autores españois procedentes do Ermitage, estas “entraron al museo del Ermitage entre 1814 y 1816, tras haberse adquirido en una venta realizada en Amsterdam, procedentes de la colección del banquero inglés W.G. Coeswelt”. Para darnos unha idea de con quen se codeou nesta exposición temporal o artista ourensán, cabe mentar, entre outros, a El Greco, Francisco Ribalta, Velázquez, Murillo ou Zurbarán. É dicir, un motivo máis para sentirmos orgullo de ourensáns.

Te puede interesar