A asociación de Rabo de Galo e os ourensáns da plataforma Queremos Galego traballaron arreo nos últimos días, coma moitos outros, para compoñer as pezas que mañá presentarán a concurso na festa primaveral da cidade.

Aí ven o Maio, con frores e retranca

Maio tradicional (ó fondo á esquerda) e artístico (en primeiro plano) dos veciños de Rabo de Galo. (Foto: MARTIÑO PINAL)
Son dúas as festividades por excelencia do calendario dos ourensáns.
A primeira xira arredor das castañas e do patrón da cidade. O San Martiño vén co frío, marca a metade do outorno e anuncia a proximidade do inverno. A chegada das flores, pola contra, celébrase cos Maios. Este ano a festa volta ó seu día, o da Santa Cruz. Será mañá, xoves, cando a Rúa do Paseo volva encherse de estructuras cubertas de musgo, carrabouxos e flores. Algunhas porán o seu ollo nos premios destinados ós maios artísticos compoñendo deseños a cada un máis elaborado có anterior. Outros participantes optarán pola tradición pura e dura respondendo ante os seus veciños con pirámides e cruceiros. Por esta última opción decantáronse en Rabo de Galo e os membros da plataforma Queremos Galego. Ámbolos dous colectivos levarán pirámides ata o centro da cidade.

A asociación veciñal de Rabo de Galo é un dos grupos que con maior antiguidade se presenta a concurso na festa dos Maios. Onte pola mañá xa tiñan a súa peza rematada. Durante o último mes e medio, os veciños aproveitaban as tardes para poñer un pouco musgo de aquí e algún que outro carrabouxo por alí. Presentarán tamén un Maio artístico, deses que lles teñen valido un amplo número de premios dende que participan, de xeito máis ou menos constante, dende o ano 1935. A presidenta da asociación de veciños, Lorinda Fernández, sostén que, no tocante ás pezas ornamentais, 'Rabo de Galo debe ter levado o 90% dos premios'.

Os Maios deste barrio contan coa forza que lles aporta a involucración de tódolos veciños. Este ano, os máis novos non presentan unha peza aparte, pero si que colaboraron na elaboración da común, que ronda os 500 euros de presuposto. Iso contando coa impresión das coplas que, como cada ano, xirarán en torno á actualidade. Na retranca das de Rabo de Galo 'a crise non vai faltar, pero tamén lla dedicaremos ó cambio de presidencia na Deputación'.

Para a elaboración do Maio, 'nun principio tivemos medo pensando que non ía haber musgo por causa da sequía, pero estas últimas chuvias valéronnos a vida', conta Lorinda Fernández, porque o verde ten que estar no seu punto, 'nin moi seco nin moi mollado'.

Ela, que levan anos vivindo esta festa, conta que 'antigamente a xente non cabía no Paseo'. Pero non só considera que a xente non participa senón que, ó seu xuízo, 'quen se presenta, debería facer os Maios con máis cariño'.


EN PRO DA LINGUA

Os membros da plataforma Queremos Galego aínda traballan hoxe nos últimos detalles da súa peza, que será unha pirámide tradicional. Onte deixaron lista a estructura, que hoxe revestirán con musgo e carrabouxos, que recolleron a comezos desta semana.

Por cuarto ano consecutivo, cantarán unha copla relacionada coa lingua galega, posto que o colectivo que os aglutina naceu con esa finalidade. Este ano centrarán o seu canto en que 'parece que o galego está agonizando' e criticarán a xestión da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Consellería de Educación, segundo explica a responsable de Queremos Galego en Ourense, Ruth Reza.

Eles consideran que construír un Maio non sai moi caro. 'O que vale cartos son os listóns e a tela' sobre a que se cose o musgo; tarefa á que lle dedicarán o día de hoxe porque 'tampouco é moi grande e iso irá en función do tamaño'.

Todo está practicamente listo na cidade para que as estructuras de musgo e carrabouxos lle dean paso á chegada do tempo primaveral.

Te puede interesar