A aldea modelo de Taboadela especializarase na gandaría

Espazo que abranguerá a aldea modelo.
photo_camera Espazo que abranguerá a aldea modelo.
Dende o Concello destacan que “esta é unha boa forma de manter o entorno dos núcleos traballado”

A aldea modelo do Covelo, no concello de Taboadela, especializarase no aproveitamento de gando en extensivo. Así se recolle no acordo da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que sacou esta semana a exposición pública os proxectos de idoneidade de cinco destas iniciativas. No caso do Covelo, establécese a gandaría en extensivo como actividade principal, pero será compatible co aproveitamento de árbores froiteiras ou castiñeiros, que servirán como complemento alimentario para este gando. Ademais, tamén se contemplan terreos para cultivos agrícolas, que tamén servirán para nutrir a este gando.

No proxecto establécense as oportunidades identificadas para este caso, entre as que destacan a alta colaboración por parte da veciñanza e da administración local e as zonas de alto valor ecolóxico, xa que conta con masas de frondosas ben consolidadas. Pero tamén se analizan as contrapartidas, que neste caso son o alto grao de fragmentación da propiedade -o perímetro de 15 hectáreas está dividido en 223 parcelas, pertencentes a 109 propietarios-, a falta de vías de comunicación dentro deste perímetro para un bo acceso con maquinaria de traballo e o alto grao de abandono das edificacións da aldea.

Para poder arrancar, aínda queda por construír un peche perimetral para o manexo do gando, así coma un labreo profundo polo alto grao de abandono das terras a cultuvar.

O tenente de alcalde de Taboadela, Roberto Blanco, destaca que “esta é unha boa forma de manter o entorno dos núcleos traballados e crear interese no rural”. Sobre a colaboración da veciñanza, aínda que recoñece que “ao principio a xente era algo desconfiada, pero cando se lles explicou que ninguén lle ía quitar as terras, senón que se trata dun contrato de arrendamento que beneficia a ambas partes: por unha banda, a aldea modelo pode traballar e pola outra eles reciben un pago por ceder a finca e tela limpa”.

Te puede interesar