Política

Pontón reclama en Ourense medidas para facer fronte á crise de prezos

Para a líder nacionalista “que a hipoteca suba 100 euros é inasumible para moitas familias”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, subliñou este mércores en Ourense a dificultade que supón para as familias a suba dos tipos de interese, catalogándoas de “inasumibles”. Para a líder dos nacionalistas, subir 100 euros unha hipoteca “é a diferencia entre comer a última semana do mes ou non”. Ademais, tamén prexudican ás pequenas e medianas empresas, ás que se lles restrinxe o acceso ao crédito.

Na súa intervención no centro Marcos Valcárcel, Pontón presentou a campaña “Contra a crise de prezos, hai alternativa”, que o BNG está a desenvolver por toda Galicia e que rematará o 18 de decembro cunha manifestación en Santiago. Ademais, reclamou aos gobernos galego e español que actúen “en defensa das maiorías sociais” e desenvolvan “medidas, tanto a curto prazo como estruturais”, que permitan afrontar a actual situación de crise de prezos porque, advertiu, “moitas das que se están a tomar son contrarias á maioría”. Neste acto estivo acompañada polo voceiro nacionalista no Concello de Ourense, Luis Seara, e a deputada, Noa Presas.

A voceira indicou que “o BNG vai seguir reclamando nas institucións e nas rúas medidas que protexan ás maiorías sociais fronte a unha inflación que é xa o principal problema que temos sobre a mesa”. Cre inaceptable que Galicia teña un IPC por riba da media estatal malia ter os salarios á cola e as segundas pensións máis baixas de España. 

Por outra banda, tamén subliñou que os expertos dan previsións de “crecemento  cero” para o ano que vén, o que tamén sería a peor cifra de todo o Estado.

Pontón concluíu a súa intervención asegurando que “penalizar a familias e pemes non pode ser a solución a unha crise que non responde a un aumento da demanda, senón que xa era anterior á guerra de Ucraína”.

O BNG ve “inaceptable” o lucro das grandes empresas

A portavoz nacionalista cualificou como unha “estafa inaceptable” os beneficios de sectores como o enerxético ou o financeiro, un “lobby” ao que acusou de estar “forrándose” grazas á crise de prezos que afecta a toda España. Esta é unha das consecuencias desta crise de prezos, que tamén está a provocar, a ollos do BNG, unha “concentración de riqueza en poucas mans, a maioría alleas ao país e situadas en Madrid, que continúa absorbendo investimentos e poboación”.

“Polo que se albisca, preténdense reforzar aínda máis esas tendencias de perda de poder tan nocivas e desfavorábeis para Galiza e as súas clases populares”, indicou, para engadir a continuación que “temos que actuar contra este duro pau da inflación que se ensaña con quen menos ten e que vai aumentar aínda máis as desigualdades sociais e territoriais que se viven hoxe”, polo que insistiu na “necesidade” de que a poboación saia á rúa a reclamar unha “saída digna” da crise.

Te puede interesar