Tenente de alcalde de Ourense

Andrés García Mata: ‘Este goberno é, con diferencia, o máis eficiente que tivo a cidade en moitos anos’

Andrés García Mata, no balcón da Tenencia de Alcaldía.
O tenente de alcalde da cidade, Andrés García Mata, afronta a última etapa do presente mandato co convencemento de que a cidade será en 2011 moi diferente á que atopou cando entrou no goberno municipal, no 2007. Da súa xestión di sentirse orgulloso da aposta feita polos barrios aínda que recoñece eivas na explicación ós veciños dalgúns dos proxectos que se están a levar a cabo nas rúas ourensáns.
Que teñen os ourensáns que non tiñan en maio de 2007?
Hai moitísimas diferencias, moita máis seguridade de que este goberno apostou claramente por tentar solucionar demandas que tiña a cidadanía. Nestes momentos é unha evidencia todo o que ten que ver cos investimentos nos barrios, non só en infraestructuras senón tamén en dotacións, como centros cívicos, redes de abastecemento de auga, instalacións deportivas... A diferencia fundamental é que collemos o goberno nun momento en que practicamente non había esperanza, a cidade estaba morta e nós amosamos que ten moitísimo potencial.

E que terán nas municipais de 2011 que non teñen hoxe?

Creo que no 2010 vaise consolidar a capitalidade de Ourense como cidade termal no Estado. Imos ser receptores dese encontro de cidades termais este ano e iso é moi importante. Estamos a participar nunha rede de cidades europeas termais como socios fundadores e todo o que ten que ver coa conservación e ampliación da zona termal é xa unha evidencia. O restaurante, o campo da feira e a urbanización das áreas de reparto nesa zona son moi importantes. Tamén é evidente a transformación no corazón das Burgas e a que se vai facer este ano co proxecto de César Portela, que abrirá a rúa do Baño e porá a disposición da cidadanía 5.000 metros cadrados axardinados cun centro de interpretación.

Como valora o labor do BNG neste goberno municipal?

Neste acordo de goberno que nos permite xestionar áreas moi importantes, é fundamental o papel que xogou o BNG, con responsabilidade, con humildade pero poñendo todo o noso esforzo enriba da mesa, pensando única e exclusivamente en Ourense. Creo que eso é determinante e que este goberno é, con moita diferencia, o máis eficiente que tivo a cidade en moitísimos anos e o que máis capacidade tivo de atraer recursos públicos.

Cre que o seu partido tivo que renunciar a algo en aras da estabilidade do goberno?

Non, todo o contrario. O BNG era moi consciente do papel que tiña que xogar e así o asumiu. Foi firme na defensa de que ese acordo de goberno tiña que ir nunha dirección determinada, e aí está, pero sen facer ningunha renuncia. Non hai ningún acordo do goberno que non fora por unanimidade das forzas políticas que o sustentan. Eso é indicativo de que o BNG non ten renunciado absolutamente a nada.

Dá a impresión de que o cambio na Tenencia de Alcaldía aportou máis estabilidade ó goberno. Cre que se debe á súa actitude?

Evidentemente cada persoa personifica a xestión de forma diferente. Eu creo que o anterior tenente alcalde xogou un papel que foi moi importante para planificar o que temos hoxe e a min me toca xestionar a parte do mandato desde xuño de 2009 ó final. Eu trato de facelo o mellor posible, sen renunciar a nada, pero loxicamente cun comportamento que permita que, tanto a relación persoal co alcalde e o grupo socialista, como co propio grupo municipal do BNG, sexa o máis responsable posible.

Pero non rebaixou vostede o protagonismo da Tenencia de Alcaldía?

A Tenencia de Alcaldía parte dun acordo de goberno. Prantexamos que a cidadanía vira que non somos ningunha comparsa nin muleta para a outra forza do goberno, senón que temos a nosa propia capacidade. Probablemente se dimensionou excesivamente nalgún intre, non o discuto, pero creo que está aceptada pola cidadanía, que sabe que o goberno está sustentado por dúas forzas que falan en clave de cidade. Houbo maiorías absolutas do PP con diverxencias moito máis fortes no terreo político e individual das que hai neste goberno.

De cara ás municipais, distinguirán os cidadáns o que fixo cada grupo do goberno?

En clave das próximas elec cións, o que nos preocupa é que este goberno teña continuidade, porque varios dos proxectos importantísimos que ten esta cidade trascenden este mandato. Esa é a prioridade e despois, na correlación de forzas nós non renunciamos, nin moitísimo menos, a ser os determinantes do próximo goberno municipal.

Que lle diría a un cidadán para que vote ó BNG?

Fundamentalmente, a capacidade e responsabilidade á hora de ocupar un cargo público e poñer o interese de Ourense por riba de todo. Despois, a redistribución de recursos nos barrios, ligado á oferta cultural, aposta polos servicios públicos, todo o que ten que ver co deporte e un elemento vital, que é a aposta de que Ourense sexa un obxectivo turístico de primeira categoría. Creo que eses son os elementos para convencer á xente de que somos necesarios.

E se tivera que desculparse?

Na maioría dos proxectos tentamos de ser coidadosos de que a xente os coñeza, pero ás veces a xestión nos ocupa moito tempo e todo o que ten que ver coa explicación da xestión non é o suficientemente clara. Esa é unha eiva que temos que correxir.

É o caso dos paneis unha das súas maiores preocupacións?

Non, o caso dos paneis non existe, u-las pantallas das que se fala? O PP xa nos ten acostumados a como entende a política. Eu persoalmente estou tran quilo, considero que non hai irregularidades, que esto é unha preocupación para o PP e para o seu voceiro (Enrique Nóvoa), que claramente non está apoiado para ser o próximo candidato nas eleccións municipais. Nós estamos preocupados polo futuro da cidade.

O PP sostén que lle vai custar moitos cartos ó Concello.

Non hai resolución administrativa, a xunta de goberno local votou para que este expediente se retrotraera ó inicio, temos o aval do Consello Consultivo e eu non estou dacordo con esa interpretación, pero está pendente dun recurso contencioso administrativo e xa veremos.

Nóvoa xa se postulou como candidato á alcaldía polo PP. Vostede tamén o fai no BNG?

O BNG aínda non iniciou o debate sobre as candidaturas. A nosa organización é bastante seria, abrirá ese debate nos próximos meses. Estou exercendo o labor de tenente de alcalde e voceiro do grupo municipal e haberá que telo en conta nese momento, pero eu me debo a unha organización que ten que facer un debate previo. Estou convencido de que elexiremos para esa lista as mellores persoas que o BNG pode ofertar.

Pero a vostede lle gustaría?

Eu non renuncio a estar nese debate, se a organización o considera oportuno, pero non teño nada a priori para dicir que vou ser mellor candidato que outra persoa que se poida postular.

Como ve á oposición?

Completamente derrotada, nunca foi quen de facer unha oposición responsable. Cada quen mirou o seu interese particular e eso indica o traballo que están a facer. O propio voceiro é parlamentario e non defende os intereses de Ourense en Santiago. Outra persoa (Eloína Núñez) xestiona a Residencia... Creo que hai unha serie de cuestións que lles dificulta exercer con responsabilidade a oposición, tan necesaria.


Te puede interesar